O Premio de Narrativa Breve celebra 20 anos cun aumento da súa dotación ata os 15.000 euros
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a xerente de Relacións Institucionais da Fundación Repsol, Mercedes Gómez, anunciaron hoxe a convocatoria do XX Premio de Narrativa Breve, un certame que cumpre dúas décadas de traxectoria co obxectivo de seguir impulsando a creación literaria en galego. Coincidindo con este aniversario, a dotación económica do galardón increméntase en 3.000 euros, ata acadar os 15.000 euros.
Valentín García destacou a “relevante contribución” deste premio á promoción de novos escritores e á difusión da lectura en galego. Segundo sinalou, trátase dun galardón “consolidado e de prestixio”, cun público lector fiel e coa capacidade de atraer novas persoas á literatura galega.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén puxo en valor o incremento da lectura en galego en Galicia. Neste sentido, indicou que o número de persoas que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medrou case nove puntos, ata situarse no 72 %, o que equivale a sete de cada dez galegos. Ademais, lembrou que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio ou soporte, unha cifra que coloca Galicia 1,4 puntos por riba da media estatal.
Prazo aberto ata o 31 de xullo
As persoas interesadas en participar nesta edición poderán enviar as súas obras ata o vindeiro 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais, estar escritos en galego conforme á normativa da Real Academia Galega e ter unha extensión mínima de 120.000 caracteres con espazos e máxima de 270.000.
Un xurado integrado por cinco membros será o encargado de elixir a obra gañadora, que se dará a coñecer no mes de setembro. No tribunal estarán representadas a Xunta de Galicia, a Fundación Repsol, a Real Academia Galega, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Editorial Galaxia.
O Goberno galego colabora co Premio de Narrativa Breve desde o seu nacemento, en 2006, cando foi creado polo Complexo Industrial de Repsol. Ao longo destes vinte anos, o certame recibiu case 600 obras orixinais de escritores e escritoras galegas.
Na anterior edición, a gañadora foi Carmen V. Valiña coa obra Illa de Sangue. Como é habitual, a Editorial Galaxia será a encargada de editar a obra premiada nesta nova convocatoria.
Toda a información sobre o certame pode consultarse no Portal da Lingua Galega.