O Porriño convértese no epicentro da lectura coa Feira do Libro 2025: "Onde florecen os libros"
O barrio de San Bieito do Porriño acolle desde hoxe e ata o domingo, 1 de xuño, a Feira do Libro 2025, un evento que baixo o lema "Onde florecen os libros" consolídase como unha cita cultural imprescindible na comarca. A feira ofrece unha programación diversa e inclusiva pensada para todos os públicos.
A inauguración contou coa actuación das Pandereteiras Pande Atios e as intervencións das autoridades presentes. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou o papel da cultura como "piar esencial da nosa identidade", animando a seguir fomentando a lectura e o libro.
Celia Fernández, da Federación de Librarías de Galicia, agradeceu o "compromiso constante" do Concello coa cultura e o libro, especialmente na creación de "espazos de encontro arredor da palabra escrita". O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, subliñou a importancia da industria do libro como "pulso e motor económico" para Galicia, defendendo o apoio institucional ao sector. Pola súa banda, o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, celebrou que O Porriño sexa o punto de inicio das feiras do libro na provincia, destacando as máis de 40 actividades programadas.
da Feira do Libro 2025, baixo o lema "Onde florecen os libros".
O pregón inaugural correu a cargo do poeta Samuel Merino, quen reivindicou o libro como ferramenta de "liberdade, identidade e encontro social", culminando a súa intervención cun poema. Tras o acto, as autoridades realizaron un percorrido polas casetas da feira en apoio ao sector libreiro.
A feira conta coa participación de seis librarías galegas (Copi-Rey, Paz, Uróboros, Porto, Pedreira e Cartabón) e ofrece máis de corenta actividades, incluíndo sinaturas de libros, contacontos, espectáculos, música e obradoiros, reafirmando o compromiso do Porriño coa cultura accesible.
A programación completa da Feira do Libro pode consultarse na web do Concello. Un ano máis, O Porriño ábrelle as portas á lectura a toda a cidadanía, consolidándose como referente cultural.