martes. 04.11.2025

O Concello do Porriño conmemora o Día das Letras Galegas 2025 cunha ampla programación cultural centrada na posta en valor do legado da tradición oral galega e, de xeito especial, no papel das mulleres que transmitiron a través do tempo a poesía popular e as cantigas.

Unha das actividades centrais é a exposición “As cantareiras: a voz da memoria”, organizada pola Secretaría Xeral da Lingua e aberta ao público durante todo o mes no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. A mostra inclúe materiais editados para esta celebración, así como a unidade didáctica "Canta que cadramos ben", do IES Castelao de Vigo, gañadora do Concurso das Letras Galegas 2025 na categoría de ensino secundario, bacharelato e ensinanzas de réxime especial. A través destes contidos, a exposición explora a riqueza do repertorio tradicional galego e busca dar visibilidade ás mulleres que, desde o anonimato, foron as gardiás da memoria cultural, contribuíndo de forma decisiva á pervivencia da literatura oral ata a actualidade.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, resaltou a relevancia desta edición das Letras Galegas, afirmando que “son unha oportunidade para recoñecer o papel fundamental das mulleres na conservación da nosa identidade cultural. Este ano, especialmente, queremos poñer en valor ás cantareiras, que foron voz, memoria e alma do noso pobo”.

Ademais, o sábado 17 de maio, ás 20:00 horas, a Igrexa de San Rosendo acollerá o Festival de Corais, cun repertorio de voces tradicionais a cargo da Coral Polifónica San Blas de Budiño, a Coral Máxico Gorki de Vigo e a Coral Alameda do Fogar de Pontevedra. A continuación, ás 21:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase no escenario do concerto de BREO, unha das propostas máis innovadoras do folk galego actual. Formado a finais de 2022, o grupo combina música tradicional e cultura inmaterial cunha sonoridade contemporánea, creando un estilo propio que mestura frescura, potencia e sensibilidade.

A concelleira de Normalización Lingüística, Carolina González, subliñou o valor simbólico desta xornada, sinalando que “conmemorar as Letras Galegas a través da música, das voces colectivas e da creación contemporánea é unha maneira de facer viva a lingua. Hoxe, máis ca nunca, debemos celebrar o galego como lingua de futuro, que conecta xeracións e se mantén viva grazas á cultura popular e ás novas propostas artísticas”.

Desde o Concello do Porriño anímase a toda a veciñanza a participar activamente nesta celebración da lingua, da música e da cultura galega, e a seguir transmitindo o legado das avoas, que fixeron posible que a tradición continúe viva nas novas xeracións.

O Porriño celebra o Día das Letras Galegas reivindicando o papel das "cantareiras" e a...
Comentarios