domingo. 28.04.2024

O Concello vén de iniciar a conmemoración do centenario do nacemento de Alfonso Quinteiro coa presentación do libro no que o escritor Manrique Fernández afonda na figura do artista local. No acto, que tivo lugar hoxe no salón de plenos, deuse a coñecer as demais actividades coas que se lembrará ao escultor durante todos os meses do ano.

1

Nesta presentación, interviñeron Nava Castro, alcaldesa, Ricardo González, edil de Ensino, Pilar Quinteiro, unha das fillas do artista así como Manrique Fernández e Antón Castro, escritor e prologuista da obra Alfonso Quinteiro, un talento na sombra, respectivamente.

Deste xeito, o seguinte evento que se celebrará na vila en homenaxe a Quinteiro terá lugar o próximo 24 de febreiro cunha visita guiada pola exposición da obra do autor. O 21 de marzo organízase un contacontos sobre o artista e os días 25 de abril e de maio, respectivamente, obradoiros de pintura e plastilina.

Na segunda metade do ano, o 28 de xuño é a quenda da exposición de escultura de Alfonso Quinteiro e o 24 de xullo do concurso de fotografía. A banda deseñada formará parte do calendario de actividades o 22 de agosto. Os nenos e as nenas participarán nun certame de redacción sobre o escultor o día 26 de setembro e o 5 de outubro celébrase unha exposición sobre a pintura do artista local. Para finalizar, o día 28 de novembro desenvolverase unha conferencia sobre o autor.

2

O escritor Manrique Fernández revelou datos inéditos sobre o escultor e explicou diferentes mostras da obra que forman parte da súa herdanza artística. Indicou que “se trata dun dos persoeiros máis descoñecidos da vila pero que, á vez, conta cun maior talento”. Ademais, apuntou os aspectos relevantes da súa vida que resultan fundamentais para entender a importancia de Alfonso Quinteiro.

Pola súa banda, Antón Castro cualificou ao artista local como “un xenio oculto” e puxo en valor a súa formación técnica así como a súa vocación. A familia do ilustre veciño ocupou un lugar protagonista neste primeiro evento de homenaxe. Unha das súas fillas, Pilar Quinteiro, lembrou a figura do seu pai diante do público asistente e agradeceu o labor do Concello.

3

O edil de Ensino, Ricardo González, detallou o calendario de actividades que se desenvolverán ao longo do ano e apuntou que “se trata de ser partícipes das cuestións máis importantes para entender o seu legado”. Salientou a importancia do labor do escultor posto que “formou parte das iniciativas relacionadas coa arte que se desenvolvían no municipio. Por exemplo, no 1949 participou na III Exposición de Arte Local e en 1956, elaborou os monumentos que homenaxean aos tamén ilustres Gabino Bugallal e o compositor Reveriano Soutullo”.

A alcaldesa, Nava Castro, rematou o acto de presentación e apuntou que “o obxectivo é lembrar a importancia da obra do noso ilustre veciño e seguir sostendo o seu legado entre todos e todas”. Ademais, ofreceu unha sorpresa ao público asistente coa reprodución do pregón ofrecido por Alfonso Quinteiro durante as festas do Corpus Christi do ano 2007.

Ponteareas vive o ano de Alfonso Quinteiro
Comentarios