Petra Rosa nace en O Porriño para converter as súas canteiras nun gran escenario musical e patrimonial

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e un dos organizadores do festival Petra Rosa, durante a presentación oficial do evento na Casa do Concello.
O novo festival celebrarase os días 25, 26, 27 e 28 de xuño nas canteiras do municipio, combinará artistas de proxección nacional con talento emerxente da comarca e aspira a consolidarse como referente cultural e turístico en Galicia.

O Porriño prepara xa a súa posta de longo para acoller a primeira edición de Petra Rosa, un festival que quere situar á localidade no mapa dos grandes eventos musicais de Galicia aproveitando un dos seus símbolos máis recoñecibles: as canteiras de granito. Durante catro días —25, 26, 27 e 28 de xuño— este enclave histórico e industrial transformarase nun escenario a ceo aberto cunha proposta que mestura música, patrimonio e identidade local.

Na presentación oficial, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, subliñou o momento “especialmente estratéxico” que vive o sector dos festivais desde o punto de vista turístico. “Os eventos musicais consolídanse como unha das ferramentas máis eficaces para a dinamización económica e turística dos territorios”, afirmou, lembrando o impacto dos Concertos do Xacobeo, que superaron os catro millóns de asistentes desde o lanzamento da marca.

Só en 2025, máis de 1,5 millóns de persoas participaron en máis de 180 eventos musicais en Galicia, cun investimento de 17,5 millóns de euros. A provincia de Pontevedra, con 52 citas, foi unha das máis beneficiadas, con presenza en concellos como Vigo, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e o propio Porriño. Neste contexto, Merelles agradeceu ao Concello e aos promotores a aposta por integrar o municipio nesta estratexia de grandes eventos, coa vocación de converter Petra Rosa nun “evento singular” dentro do calendario galego.

Un cartel que une industria e territorio

A programación combinará nomes consolidados da escena nacional como Pablo López, Antonio Orozco ou Sergio Dalma con artistas emerxentes da comarca do Baixo Miño. O obxectivo, segundo destacaron os organizadores, é tender pontes entre a industria musical consolidada e o talento local, ofrecendo unha plataforma de visibilidade aos creadores da zona.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e un dos organizadores do festival Petra Rosa, durante a presentación oficial do evento na Casa do Concello.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo o foco precisamente nesa dimensión territorial do festival. Máis alá dos grandes nomes do cartel, destacou a presenza de “artistas emerxentes” da comarca e reivindicou a aposta pola industria da pedra, “tan relevante no municipio”, como eixo identitario da proposta.

Non en van, Petra Rosa toma o seu nome do granito do Porriño, símbolo económico e cultural da localidade. A elección das canteiras como espazo principal converte o festival nunha experiencia diferenciada. Un dos organizadores cualificou o enclave como “icónico”, salientando tamén o carácter novidoso dunha cita que se estenderá durante catro xornadas consecutivas.

Experiencia completa: gastronomía, zona VIP e descontos para empadroados

O recinto contará con tribunas e zona VIP na canteira onde se celebrarán os concertos a ceo aberto. Ademais, nas inmediacións habilitaranse espazos gastronómicos en colaboración coa restauración local, co fin de ofrecer unha experiencia completa aos asistentes e reforzar o impacto económico no comercio e na hostalería do municipio.

Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e un dos promotores de Petra Rosa, na presentación do festival que converterá as canteiras no epicentro musical da comarca.

As entradas sairán á venda o vindeiro venres ás dúas da tarde, tanto en liña como en postos físicos. Adiantouse a venda das entradas para o primeiro concerto, o de Antonio Orozco. Os empadroados no Porriño disporán dun 20% de desconto, así como dun acceso exclusivo, para o que deberán presentar o DNI que acredite a súa residencia no municipio.

Con esta primeira edición, Petra Rosa aspira a abrir as portas das canteiras a miles de persoas chegadas de toda Galicia e de fóra, convidándoas a redescubrir un espazo que forma parte da identidade da comarca. Música, patrimonio industrial e dinamización económica danse a man nun festival que nace coa ambición de converterse en referente musical e patrimonial do sur de Galicia.