Ourense abre o arquivo íntimo de Otero Pedrayo
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, inauguraron hoxe a exposición “Ramón Otero Pedrayo. 50º cabodano (1976-2026)”, no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, co obxectivo de achegar a figura e a obra do intelectual a través dos fondos desta entidade pública e doutras institucións, ao abeiro da programación do Ano Oteriano.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que esta exposición constitúe “unha gran oportunidade para achegarse á dimensión humana e intelectual dunha das figuras máis relevantes da cultura galega contemporánea”, e que a iniciativa busca “manter viva a vixencia do seu pensamento e divulgar entre a cidadanía un legado que continúa sendo unha referencia da identidade galega”.
Nesta liña, Anxo M. Lorenzo subliñou a fonda vinculación de Ramón Otero Pedrayo coa provincia de Ourense, “terra á que dedicou boa parte da súa obra e da súa reflexión intelectual”, e salientou que a mostra permite “descubrir tanto a súa faceta literaria como a súa contribución ao desenvolvemento cultural e social de Galicia”.
A exposición
Con motivo da declaración de 2026 como Ano Oteriano polo Parlamento de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca o papel de Otero Pedrayo, considerado o “patriarca das letras galegas”, na cultura e na literatura galegas do século XX cunha programación diversa e completa na que se inclúe esta iniciativa.
A mostra, que poderá visitarse do 12 de xuño ao 11 de setembro, conta con 32 pezas documentais, entre as que destacan varios autógrafos de Ramón Otero Pedrayo: o poema “A Estadea”, o conto “O sorriso da serea”, correspondencia con Fermín Bouza Brey ou un “Informe sobor de unha idea de Historia de Galiza” dirixido a Ferro Couselo e Cuevillas.
Neste sentido, a exposición nace da colaboración entre diversas institucións e persoas, con testemuños do autor que se conservan no Arquivo e Biblioteca do centro e en coleccións particulares, a través dos cales se fai un repaso pola traxectoria vital e profesional do ourensán.