A orquestra Claxxon inaugura as verbenas das Festas de San Telmo en Tui este venres

Orquestra Claxxon
A rúa Compostela de Tui acollerá mañá a primeira verbena das Festas de San Telmo 2025 coa orquestra Claxxon, que ofrecerá dous pases de música rock e pop. A programación do venres inclúe tamén unha foliada no Espazo Feiral, un espectáculo de circo para nenos e a clausura da Semana de Teatro Amador no Teatro Municipal.

A rúa Compostela de Tui acollerá mañá venres a primeira verbena das esperadas Festas de San Telmo 2025. A encargada de amenizar a noite será a popular orquestra Claxxon, que ofrecerá dous pases: o primeiro de 21:00 a 22:00 horas e o segundo de 00:00 a 02:00 horas. O grupo galego fará un repaso polos mellores temas de rock e pop dende os anos 70 ata a actualidade, prometendo unha noite de baile e diversión para todos os asistentes.

A oferta de ocio para a noite do venres non remata aí. A partir das 22:00 horas, o Espazo Feiral será o punto de encontro para a tradicional Foliada das festas. Esta festa de música popular galega estará marcada polo son das pandeiretas e os bailes tradicionais, mantendo viva a esencia da cultura galega.

Teatro San Fins de Rebordáns.

Para comezar a xornada festiva, ás 18:00 horas, o Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela será o escenario dun espectáculo de circo, humor e malabares a cargo de Kote Malabar e a súa divertida proposta “Cirkote”. Con máis de 20 anos de experiencia, Kote Malabar fará rir e gozar aos máis pequenos e pequenas da casa coas súas habilidades circenses, números de clown e teatro cómico.

Finalmente, ás 21:00 horas no Teatro Municipal porase o broche de ouro á XV Semana de Teatro Amador. O grupo de Rebordáns será o encargado de pechar esta programación coa estrea da obra “O amor non ten idade”, escrita e dirixida por Laura Villaverde. Sobre o escenario estarán Concepción Pereira, Mª Isabel González, Ángela Oliveira, Katia Rocha, Concepción Costa, Juana Dávila, Álvaro Iglesias, José Álvarez, Tatiana Pérez e Álvaro Iglesias.

Kote Malabar.

“O amor non ten idade” narra a historia dun grupo de mulleres de vila que, acostumadas a coidar dos demais, embárcanse nunha viaxe inesperada que as leva da igrexa a un médium e, finalmente, a un programa de televisión. O que comeza como unha busca de respostas transfórmase nun profundo descubrimento: nunca é tarde para namorar... de si mesmas. As entradas, cun prezo de 2€, están á venda en tui.gal ata mañá venres ás 18:00 horas e dende as 20:00 horas na billeteira do Teatro Municipal.