O seu recoñecemento nun acto que terá lugar este mércores 25 de novembro, ás 19.00 h, na Sede Afundación

Oriana Méndez, gañadora do Premio de Poesía Afundación con 'Interna'

Oriana Méndez gañou o premio coa súa obra 'Interna'.
Non se dará acceso ao público na entrega presencial, pero haberá unha retransmisión

Oriana Méndez, galardoada co XVIII Premio de Poesía Afundación, recibirá o seu recoñecemento nun acto que terá lugar este mércores 25 de novembro, ás 19.00 h, na Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 24-26 ). Na entrega acompañarana o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar. O acto será retransmitido en directo en Afundación TV, facilitando así a posibilidade de seguilo desde calquera lugar do mundo con acceso a internet, nunhas circunstancias nas que, debido ás restricións marcadas para conter a pandemia da COVID-19, non se dará acceso ao público na entrega presencial. O acceso á retransmisión será na seguinte ligazón: Entrega Premio de Poesía Afundación.

O premio, convocado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Centro PEN de Galicia, foille outorgado á escritora pola súa obra INTERNA. En palabras do xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Eulalia Agrelo Costas; o xornalista César Lorenzo Gil e o seu secretario e presidente, Xabier Castro Martínez e Luís González Tosar, a obra gañadora «caracterízase por unha voz feminina que mantén un ritmo sostido a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu.»

Despois da entrega, Oriana Méndez recitará unha escolma dos poemas recollidos en INTERNA. Así mesmo o artista plástico vigués Ramón Trigo, escollido pola autora para ilustrar a capa do libro premiado, presentará unha videocreación inspirada nunha escolma poética seleccionada pola propia artista.