O LVII Concurso-Exposición Internacional da Camelia terá lugar o 5 e o 6 de marzo nunha carpa instalada para o efecto na Alameda de Pontevedra, fronte ao Pazo provincial. A elección das datas de celebración correspóndese coa época do ano na que o cultivo da camelia se atopa no seu momento álxido.
A través deste concurso ponse en valor un importante patrimonio natural, a camelia, e difúndense os resultados dos traballos de análise, estudo e investigación que se levan a cabo na E F Areeiro no marco das súas competencias.
O Concurso-Exposición Internacional da Camelia naceu na cidade de Pontevedra, nos salóns da Deputación Provincial de Pontevedra en 1965. Este contribuíu a popularizar o cultivo desta flor e, en consecuencia, a súa comercialización e
difusión en todo o mundo da camelia. Grazas ao éxito da primeira edición, o concurso adquiriu carácter anual.
Ao longo da súa historia, e tras máis de cincuenta edicións, este concurso segue sendo un punto de referencia para persoas cultivadoras e afeccionadas que acoden todos os anos a participar ou unicamente a observar as últimas novidades cultivadas nas terras galegas.
Co fin de promover e difundir o evento en toda a provincia de Pontevedra, ao longo da súa historia a organización do concurso rotou entre diversas administracións locais; e en 2022 esta correspóndelle á Deputación Provincial de Pontevedra.