sábado. 27.04.2024

Nova edición de residencias no Gaiás cun impulso aos intercambios artísticos entre Galicia, América Latina e Portugal

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu a coñecer hoxe as diferentes modalidades das REGA nunha rolda de prensa na Cidade da Cultura. O programa consolídase no seu terceiro ano, por un lado, coas Bolsas REGA, destinadas a artistas dos ámbitos do deseño, a música, as artes escénicas e as visuais; e, por outro, coas actividades impulsadas en colaboración co Centro Dramático Galego —ciclo Clásicas Desfeitas—; co Colectivo rpm —as Residencias Paraíso de danza e artes vivas— co festival RESIS de música contemporánea e a Asociación Cultural AÏS, así como a terceira Residencia Literaria da Cidade da Cultura. A Xunta, a través do Fondo Gaiás, inviste un total de 108.000 euros nas actividades de REGA23.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta as modalidades do programa, no que destaca a segunda convocatoria das Bolsas REGA de apoio á creación e a apertura das residencias á colaboración internacional e á arte dixital.

A Xunta vén de presentar o programa de Residencias Artísticas do Gaiás, REGA23, que prestará apoio ao desenvolvemento dunha vintena de novas propostas de vangarda aproveitando os espazos e recursos técnicos da Cidade da Cultura. Nesta edición, as residencias reforzan os seus vínculos con entidades galegas que traballan no ámbito da cultura e con organizacións e artistas de América Latina e da lusofonía en liña cos obxectivos do Plan Xeración Cultura.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu a coñecer hoxe as diferentes modalidades das REGA nunha rolda de prensa na Cidade da Cultura. O programa consolídase no seu terceiro ano, por un lado, coas Bolsas REGA, destinadas a artistas dos ámbitos do deseño, a música, as artes escénicas e as visuais; e, por outro, coas actividades impulsadas en colaboración co Centro Dramático Galego —ciclo Clásicas Desfeitas—; co Colectivo rpm —as Residencias Paraíso de danza e artes vivas— co festival RESIS de música contemporánea e a Asociación Cultural AÏS, así como a terceira Residencia Literaria da Cidade da Cultura. A Xunta, a través do Fondo Gaiás, inviste un total de 108.000 euros nas actividades de REGA23.

“A internacionalización e o intercambio cultural son clave para a cultura galega e son tamén dúas das liñas de acción nas que traballamos no novo Plan Xeración Cultura”, expresou Anxo M. Lorenzo quen recordou que esta folla de ruta do Goberno galego está en marcha con 34M€ para acompañar o momento de expansión e crecemento do sector. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades estivo acompañado no acto pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; a presidenta da Asociación Cultural AÏS, Clara Porta; o director da Residencia Literaria, Javier Peña, e a deseñadora Inés Rodríguez, que compartiu a súa experiencia como beneficiaria dunha das bolsas REGA outorgadas o ano pasado polo Goberno galego.

A través destas bolsas, que lanzarán a súa segunda convocatoria esta primavera, a Xunta seleccionará ata catro proxectos para o seu desenvolvemento durante unha estadía de entre tres semanas e un mes e medio no Gaiás, contando con apoio experto, recursos humanos e técnicos do Gaiás e unha dotación económica de 8.000 euros por cada bolsa.

ARTISTAS DUN E DOUTRO LADO DO ATLÁNTICO

Coa mira posta en situar o Gaiás como centro de referencia para a creación contemporánea, o programa REGA mantén o seu carácter diverso e multidisciplinar á vez que se abre ao diálogo e ao intercambio internacional, subliñou Anxo Lorenzo. O exemplo máis sobresaínte está nas pezas que conformarán os volumes 6, 7 e 8 de Clásicas Desfeitas. Participarán nelas a directora artística da Compañía Nacional de Teatro de México, Aurora Cano; o director artístico de El Mura, o uruguaio Iván Solarich, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, ademais dun elenco de artistas de Galicia, Portugal, México, Cuba e Uruguai.

Ademais, a Residencia Literaria da Cidade da Cultura contará coa mexicana Brenda Navarro como autora convidada canda a destacada escritora das letras galegas Marilar Aleixandre (Premio Nacional de Narrativa 2022). O prazo de inscrición para aquelas persoas cun proxecto literario interesadas en tomar parte na residencia está aberto ata o 20 de marzo.

Na súa vertente máis tecnolóxica, as REGA acollerán a creación de PLASMA, un proxecto do compositor Pedro González que ofrece a oportunidade de entender, combinando realidade virtual e música, como se constrúe o universo dun concerto de música contemporánea. O resultado poderá experimentarse no Museo Centro Gaiás e no festival RESIS da Coruña en maio. Nas próximas semanas daranse a coñecer tamén as artistas seleccionadas nas Residencias Paraíso que desenvolverán nos meses de verán as súas estadías na Cidade da Cultura.

A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, destacou que as REGA deron apoio, desde a súa posta en marcha no ano 2021, a case 50 proxectos promovidos por máis dun cento de creadoras e creadores galegos, españois e internacionais.

Nova edición de residencias no Gaiás cun impulso aos intercambios artísticos entre...
Comentarios