viernes. 29.03.2024
Cinco exposicións no Museo e na Biblioteca de Galicia e as intervencións artísticas ‘A distancia da imaxe’ e ‘Espellos’ completan a oferta destas datas para mergullarse na arte, a literatura, a historia e a paisaxe

'Nadal no Gaiás'

Ampla oferta de exposicións e música ao vivo e en 'streaming'
O complexo do Gaiás conta cunha iluminación lembrando a Vía Láctea, mentres que o Bosque de Galicia e o Museo Gaiás engalánanse con árbores luminosas.
O complexo do Gaiás conta cunha iluminación lembrando a Vía Láctea, mentres que o Bosque de Galicia e o Museo Gaiás engalánanse con árbores luminosas.

A Xunta de Galicia convida as familias a visitar a Cidade da Cultura durante o Nadal para gozar dunha ampla oferta cultural que inclúe tres concertos para toda a familia que poderán verse de balde ao vivo e tamén a través de streaming. A programación complétase coas seis exposicións e intervencións artísticas que agora mesmo poden visitarse no Museo Centro Gaiás, a Biblioteca de Galicia e as Torres Hejduk –contando con visitas comentadas gratuítas– e coa iluminación festiva de todo o complexo, coa Vía Láctea como eixo condutor.

Así, os grandes protagonistas do Nadal no Gaiás deste ano serán as actuacións musicais ao vivo de Xesús Vaamonde & Xosé Lois Romero e os seus cantos tradicionais de Reis –o 26 de decembro– de Soledad Felloza e Esemble ConcertArt con interpretación de axóuxeres e panxoliñas –o 28 de decembro– e as versións en rock e música urbana de temas infantís de Uxía Lambona e a Banda Molona –o 4 de xaneiro–.

Para asistir ás actuacións ao vivo poderá retirarse o convite gratuíto con antelación en www.cidadedacultura.gal, a mesma semana de cada espectáculo. Ademais, as tres actuacións serán retransmitidas pola canle de YouTube da Cidade da Cultura para, deste xeito, compensar a limitación de prazas dispoñibles polas restricións que marcan as actuais medidas de seguridade sanitaria.

Ao ser estas unhas festas que dan entrada ao 2021, Ano Xacobeo, o Camiño ten tamén presenza simbólica no relato deste Nadal no Gaiás, comezando pola iluminación exterior do complexo do Gaiás, inspirada na Vía láctea, e a árbore stellae do Museo Centro Gaiás, deseñada pola artista visual Marta Verde, mentres que no Bosque de Galicia loce tamén unha árbore luminosa. A programación complétase cunha instalación audiovisual, Nadal en Súper8, que proxecta no Museo unha peza creada con gravacións caseiras e familiares do Nadal feitas en Súper8 nos anos 70 do século pasado.

EXPOSICIÓNS E INTERVENCIÓNS

Estes días do Nadal serán ademais unha das últimas oportunidades para visitar a mostra Cinema e emocións: unha viaxe á infancia, que ata o 10 de xaneiro acolle o Museo Gaiás, un percorrido polos filmes que marcaron a nosa infancia desde a ollada inocente dos nenos e nenas. Tamén alí poden visitarse Galicia, de Nós a nós –a mostra máis ambiciosa sobre a Xeración e revista Nós con motivo do seu centenario, aberta ata o 17 de xaneiro– e As miradas de Isaac –merecida homenaxe e amplo percorrido pola traxectoria dunha personaxe irrepetible: o poliédrico Díaz Pardo–. Cómpre lembrar que o Museo mantén o seu horario habitual de 10,00 a 20,00 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro –que pechará ás 15,00 horas– e o 25 de decembro e 1 de xaneiro –que non abrirá as súas portas–. As tres exposicións poden visitarse libremente, sen necesidade de rexistro previo, ao igual que o mural de Luis Seoane que desde este mesmo mes de decembro está instalado no andar 0 do Museo: unha obra das poucas que se poden contemplar en Galicia da produción muralística do artista, que si é abundante na Arxentina. A oferta de visitas comentadas ás exposicións, tamén de balde, si precisa de inscrición a través da web cidadedacultura.gal, xa que conta cun número de prazas moi limitado por causa das medidas da covid-19.

A oferta expositiva do Gaiás complétase coa intervención artística A distancia da imaxe, que converte as Torres Hejduk nun depósito fotográfico e auditivo de memorias do Camiño de Santiago, e a intervención paisaxística Espellos, que o escultor Manolo Paz vén de realizar no cumio do Bosque de Galicia e desde a que se ofrece unha vista de excepcional beleza da cidade de Compostela.

Por último, a Biblioteca de Galicia conta tamén con dúas exposicións abertas nestas datas: Lugín en Compostela, un percorrido bibliográfico con motivo do 150 aniversario do nacemento do autor Alejandro Pérez Lugín, e Pobre Asunción!: a violencia de xénero na prensa, na que se recompila o tratamento da violencia machista na prensa desde o século XIII ata os nosos días.

'Nadal no Gaiás'