martes. 04.11.2025

Tras tres meses de ensaios, no mes de febreiro de 2025 fundouse no barrio vigués de Matamá o grupo de gaitas Canavelas. Dez integrantes, procedentes doutra agrupación de música tradicional na que coincidiran previamente e na que desenvolveron durante anos a súa experiencia neste campo, participando en múltiples actuacións e eventos de diversa índole tanto en Galicia como alén Miño, Asturias, Portugal e mesmo Sicilia.

Na procura de aires renovados e dun enfoque diferente, os dez compoñentes deciden formar unha asociación cultural na que integrar un novo grupo de gaitas, mediante o que poder acadar dous obxectivos principais: progresar artisticamente cunha maior ilusión e implicación, e fomentar a riqueza da música tradicional mediante actuacións nas que amosar o traballo realizado.

O grupo está integrado por dez instrumentistas, incluíndo aos dous mestres, os cales, antes de coincidir nunha mesma agrupación, comezaran a súa formación no eido da música tradicional de xeito individual, con diferentes mestres da contorna de Vigo, entre eles Xurxo García, Telmo Costas ou Francisco Estévez "Chuco".

Canavelas, levando os sons da gaita galega a cada recuncho.
Canavelas, levando os sons da gaita galega a cada recuncho.

As idades e os perfís dos compoñentes son variados. Os máis veteranos corresponden á sección de percusión: Juan Ramos ao bombo (1945, antigo empregado de Citroën) e Carlos Soto ao tambor (1944, que fora empregado da banca), aos cales a xubilación lles brindou a oportunidade de iniciarse na música tradicional.

En canto aos gaiteiros, de idades comprendidas entre 31 e 59 anos, a máis nova é Marta Comesaña (1993), músico profesional titulada superior en frauta traveseira e titulada profesional en gaita, exercendo de mestra de frauta no Conservatorio de Música da Coruña.

Nun rango intermedio de idade atópase outra docente da Universidade de Vigo, Iría García (1987), titulada en Bioloxía e doutora en Ciencias Mariñas, e Óscar Lozano (1984), técnico en instalacións de interior e industria.

A sección melódica do grupo complétase con Carlos López (1973), enxeñeiro técnico informático de xestión e policía local do Concello de Pontevedra; Enrique Bastero (1967), condutor; e Álvaro (1965), constructor.

Nace en Vigo o grupo de gaitas Canavelas con aires renovados
Comentarios