domingo. 11.01.2026

A música e o baile tradicional serán BIC: “Recoñecen o sentir de toda Galicia cara a unha das cernas da nosa identidade”

O conselleiro José López Campos salientou que a declaración como BIC da música e o baile tradicionais recoñece unha das cernas da identidade galega, e anunciou que o decreto se publicará o luns 12 no DOG.
O conselleiro José López Campos, xunto a representantes de colectivos de música e baile tradicionais, no acto conmemorativo pola declaración como BIC celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
O conselleiro José López Campos, xunto a representantes de colectivos de música e baile tradicionais, no acto conmemorativo pola declaración como BIC celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe que a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da música e o baile tradicionais “recoñece o sentir de toda Galicia cara a unha das cernas da nosa identidade e cultura”. Fíxoo no acto conmemorativo celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, no que participaron e actuaron diferentes colectivos e agrupacións, e ao que tamén asistiron os directores xerais de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Durante a súa intervención, o titular de Cultura agradeceu ás agrupacións e formacións de música e bailes tradicionais o seu “papel esencial, indispensable e xeneroso” por manter “vivo e prestixiado” este patrimonio “importante, rico e diverso” ao longo dos anos, así como polas súas “valiosas achegas” para enriquecer o expediente iniciado en novembro de 2024 coa súa incoación. “Detrás deste BIC está tamén o voso inquebrantable compromiso con este legado”, recoñeceu.

Publicación do decreto o luns 12 no DOG

López Campos anunciou que o proceso culminará definitivamente o luns, día 12, coa publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, tras o visto e prace do Consello da Xunta e unha vez incorporadas as achegas recibidas e os informes favorables sobre o seu valor sobranceiro por parte do Museo do Pobo Galego e do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Con esta declaración, Galicia elevará a 794 o número de Bens de Interese Cultural existentes no territorio.

“Galicia non se entende sen a música e os seus bailes tradicionais”

O conselleiro puxo en valor que esta distinción outorga o máximo nivel de protección a ambas expresións ao recoñecer que música e baile forman unha unidade inseparable. “Na tradición cultural galega o baile precisa da música para expresarse polo que é inseparable dela”, subliñou.

Galicia non se entende sen a música e os seus bailes tradicionais”, afirmou, ao tempo que considerou que esta declaración supón que o Goberno galego “salda unha débeda” cunha das “expresións colectivas máis senlleiras e estendidas” do patrimonio cultural galego.

Medidas de salvagarda para garantir a transmisión ás novas xeracións

A declaración como BIC inclúe tamén un conxunto de medidas de salvagarda, co obxectivo de garantir que as vindeiras xeracións manteñan e transmitan de maneira adecuada esta herdanza cultural e o seu legado inmaterial.

Entre as actuacións anunciadas, López Campos explicou que se impulsará a colaboración do sistema universitario galego para promover a investigación científica e académica sobre a música e o baile tradicionais. Do mesmo xeito, avanzou que se facilitará que organismos e administracións públicas poidan asinar convenios con entidades privadas —fundacións, asociacións ou padroados— para avanzar no inventario, catalogación e dixitalización de arquivos relacionados con este ámbito.

O obxectivo final, segundo detallou, será crear un arquivo audiovisual público en rede, gratuíto e de libre acceso, que recolla este material e sirva como ferramenta de preservación e divulgación.

Educación formal e actividades extraescolares

No ámbito educativo, o conselleiro anunciou que se solicitará a colaboración do profesorado galego para elaborar materiais didácticos que permitan introducir coñecementos básicos de música e baile tradicionais no ensino formal. Ademais, no ensino non formal, prevese contar co apoio das ANPAS e outros colectivos para favorecer a implantación de actividades extraescolares centradas nestas expresións culturais.

Finalmente, explicou que, unha vez transcorridos nove anos desde a declaración, elaborarase un estudo de actualización para avaliar o estado do BIC e o impacto tanto dos procesos contemporáneos como das propias medidas de salvagarda aplicadas.

A música e o baile tradicional serán BIC: “Recoñecen o sentir de toda Galicia cara a...
Comentarios