O Museo de Pontevedra incorpora dous debuxos de Castelao e Carmen Babiano á súa colección
A Deputación de Pontevedra vén de enriquecer os fondos do Museo de Pontevedra coa adquisición de dous debuxos de notable relevancia: “O día que saímos da nosa patria”, de Castelao, e “Paisaxes pontevedresas e flores”, de Carmen Babiano Méndez-Núñez. As obras, compradas por un total de 6.000 euros, destacan polo seu valor simbólico e documental.
O debuxo de Castelao, realizado poucos días despois da súa chegada ao exilio en Bos Aires, constitúe un testemuño especialmente significativo desta etapa vital do artista. Pola súa banda, a obra de Carmen Babiano ofrece unha valiosa mostra da produción dunha das pioneiras artistas galegas do século XIX, cunha coidada representación de paisaxes pontevedresas. Ambas pezas pasarán a formar parte da exposición permanente do Museo tras os traballos de restauración necesarios no caso do debuxo de Castelao.