jueves. 18.07.2024

Un museo para Manuel Jorge: O soño do pintor chantadés faise realidade na súa terra

O espazo, ubicado na Praza de España da vila do Asma, exercerá como Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra e estará listo en vinte meses «Vai ser un espazo no que Manuel Jorge sentiríase na casa». Así resumía Xoel Rey, de Estudio X+P, a filosofía e estética do futuro museo dedicado ao pintor chantadés e que foi presentado na mañá do venres en Chantada. 
Manuel Jorge , inolvidable arquitecto y pintor.
Manuel Jorge , inolvidable arquitecto y pintor.

O espazo, ubicado na Praza de España da vila do Asma, exercerá como Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra e estará listo en vinte meses «Vai ser un espazo no que Manuel Jorge sentiríase na casa». Así resumía Xoel Rey, de Estudio X+P, a filosofía e estética do futuro museo dedicado ao pintor chantadés e que foi presentado na mañá do venres en Chantada. Rey forma parte, xunto con Patricia Ocampo, Marta Marcos e Baltasar Otero,
do equipo de arquitectura que deseñou a reforma da casa que a Asociación Amigos de Manuel Jorge adquiriu na Praza de España para ser convertida en museo.

No centro do proxecto está o legado que o arquitecto e artista deixou á asociación chantadina, pero coa intención de que exerza de Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra. Así o destacou a presidenta do colectivo, Mercedes Vázquez, quen adiantou que o seu cometido será o de «potenciar as artes plásticas, o contacto da xuventude coa creación e mais a atracción de ideas e talento ao rural».
O evento, ao que asistiron preto de cen persoas da comarca de Chantada, serviu para presentar as intencións de acción cultural e a proposta arquitectónica do museo, finalizando cunha visita ao
edificio para coñecer in situ a súa potencialidade. Para o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo
Varela, trátase dunha oportunidade para crear un espazo dedicado á arte contemporánea que será único na Ribeira Sacra e que «pode contribuir á súa declaración como Patrimonio da Humanidade».


Ademais de Varela, estivo no acto o delegado territorial en Lugo da Xunta de Galicia, Javier Arias,
quen destacou o interese da Consellería de Cultura polo proxecto. Iria Otero, responsable de Cultura da Deputación de Lugo, reafirmou o compromiso da institución con Manuel Jorge, lembrando a exposición retrospectiva feita no Museo Provincial no 2018 e que foi o xerme da conservación das súas pinturas n Chantada.

Para pechar o acto, realizouse un coloquio con axentes dinamizadores da zona no que participaron Noa López, xestora cultural e coordinadora de Raizames, Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, e mais Suso Mazaira, da queixería Airas Moniz. Ambos proxectos, con fortes vínculos co territorio, serviron para exemplificar a intención da Asociación Amigos de Manuel Jorge de establecer alianzas e colaboracións cos proxectos culturais, económicos e sociais xa existentes e que, en palabras da presidenta do colectivo «terán a súa casa neste museo».


Dúas zonas expositivas, talleres e arquivo O futuro Museo Manuel Jorge ocupará un edificio histórico de dúas plantas e baixo cuberta. Na planta baixa, á que se accede dende a praza, haberá un sala de exposicións, unha recepción e tres aulas para impartir talleres de artes plásticas e artes dixitais. Na primeira planta haberá outro gran espazo expositivo, unha sala de conferencias e proxeccións, a recreación do estudio de Manuel Jorge, e mais unha biblioteca e sala de investigadores. O baixo cuberta estará dedicado a oficinas e depósito de conservación da obra.

Ademais de pintor, Manuel Jorge (Chantada, 1929 - Xàbea, 2020) era arquitecto, e de feito esa foi a
súa profesión durante os máis de de trinta anos que vivíu en Xàbea, Alacante. A pintura era para el unha paixón privada, exercida na intimidade do seu estudo, e non foi ata a súa vellez que decidiu amosala. Por iso foi clave para os arquitectos visitar Xábea e a súa impronta na arquitectura da zona, atopando os puntos en común entre dúas estéticas, a mediterránea e a galega, que de entrada poden parecer distantes. A arquitecta Marta Otero sinalou que esa conexión existe, non só na plástica, se non tamén nos materiais e na filosofía da construcción, empregando «materiais que agora chamamos de quilómetro cero».


Así, as influencias mediterráneas no proxecto estarán na fachada, onde se recuperará o encalado
tradicional que aínda se distingue nas fotos históricas da praza, e as carpinterías empregarán a cor azul, tan presente na pintura de Manuel Jorge e nas casas de aldea galegas. No acceso principal, farase unha intervención con estruturas de liñas rectas e volumes combinados en cor terra que lembran á arquitectura racionalista da súa última etapa. E na primeira planta, a cuberta disporá dunhas celosías inspiradas tamén nas súas construccións.


Trala finalización do evento, conducido pola xestora cultural e xornalista Cristina de la Torre, o
entusiasmo dos asistentes foi palpable, insistindo na fermosura da idea e nas súas posibilidades.
Dende a Asociación destacaron que xa dispoñen da licencia municipal de obra e todos os permisos de Patrimonio, agradecendo a boa dispoñibilidade do Concello de Chantada para axilizar os trámites.


Os traballos, que se prolongarán durante meses, arrancarán nas próximas semanas cos fondos
propiso do colectivo deixados por Manuel Jorge para este cometido, se ben para completar o
proxecto precisarán o apoio das administracións. Nas próximas semanas o proxecto do Museo Manuel Jorge será presentado ante diferentes institucións culturais galegas e do Estado, e os membros da Asociación comezarán un proceso de contacto e escoita cos colectivos e proxectos culturais da Ribeira Sacra.

Manuel Estévez.

Un museo para Manuel Jorge: O soño do pintor chantadés faise realidade na súa terra
Comentarios