O Museo do Pobo Galego incorpora á súa colección unha singular cambela doada polo MUVICLA
O Museo do Pobo Galego vén de ampliar a súa colección etnográfica coa incorporación dunha cambela, unha peza agrícola de gran valor patrimonial procedente do MUVICLA, o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria. A doazón materialízase por expreso desexo tanto da familia do antigo propietario como do propio museo lancarao.
A cambela, un instrumento arativo singular, é orixinaria da parroquia de Gundián, no Concello de Baralla (Lugo), e foi construída entre 1940 e 1945. A peza fora doada inicialmente ao MUVICLA por Manuel Fernández Capón, e co paso ao Museo do Pobo Galego garante a súa preservación e difusión nun espazo de referencia da memoria e cultura tradicional do país.
No acto de entrega participaron o director do MUVICLA, Marcos Vázquez, e unha representación do Padroado do Museo do Pobo Galego, que expresou o seu profundo agradecemento pola incorporación da peza. O etnógrafo e patrón do Museo, Xosé Manuel González Reboredo, destacou a relevancia da doazón ao afirmar que se trata dunha “peza moi singular”, detectada unicamente nunha área xeográfica moi concreta situada na alta montaña galega, na zona limítrofe coas provincias de León e Zamora.
Segundo explicou Reboredo, a cambela funcionaba como prearado, empregándose para romper o terreo antes de remover a terra, facilitando así o traballo agrícola posterior.
A oficialización desta doazón enmarcouse na programación do Coloquio Galego de Museos Locais: O futuro dos museos e coleccións visitables en comunidades en cambio constante, organizado polo Museo do Pobo Galego en colaboración co Consello da Cultura Galega e o Consello Galego de Museos. As xornadas, que se desenvolven coincidindo co vixésimo aniversario do Instituto de Estudos das Identidades (IEI), inclúen relatorios e mesas redondas con participación do MUVICLA e dunha ducia de museos e espazos museísticos locais de toda Galicia.