Murguía e Rosalía: os romances perdidos que poden mudar a historia da literatura popular galega

Departamento de Infografía DL-G.
A Real Academia Galega recupera materiais inéditos de Manuel Murguía que reabren o debate sobre a orixe galega de históricos romances tradicionais.

A Real Academia Galega presenta esta tarde en Vigo As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados, unha obra do investigador Diego Rodríguez que rescata documentación inédita do historiador e escritor Manuel Murguía arredor da literatura popular galega.

O volume reconstrúe o proxecto frustrado das Rimas populares de Galicia, unha iniciativa coa que o home de Rosalía de Castro pretendía recompilar romances tradicionais recollidos ao longo de anos grazas á colaboración dunha ampla rede de informantes e intelectuais.

A presentación terá lugar ás 19.00 horas na Casa Galega da Cultura de Vigo, moi preto da antiga imprenta de Juan Compañel, editor de Cantares gallegos, e contará coa participación do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e do investigador Carlos L. Bernárdez.

Segundo explica Diego Rodríguez, o traballo baséase na documentación conservada na Fundación Barrié e no arquivo da Real Academia Galega, materiais que permiten reconstruír as páxinas “definitivas” dun proxecto que nunca chegou a publicarse.

Entre os documentos recuperados destacan versións inéditas de romances tradicionais como A doncela guerreira ou o coñecido Romance de don Gaiferos, composición que segue xerando debate académico sobre se circulou orixinalmente en galego ou se foi adaptada posteriormente. Rodríguez defende a primeira hipótese e sostén que existían máis romances en galego do que adoita admitirse, apuntando a un proceso posterior de castelanización da tradición oral.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, considera que esta publicación “trae á luz un material inédito desde hai máis de cen anos” e abre novas vías de investigación sobre a evolución do romanceiro galego e da cultura popular do país.

A obra reproduce arredor de 150 composicións poéticas, incluíndo textos conservados nos papeis de Murguía e outros publicados por Lois Carré nos anos cincuenta a partir de documentación hoxe desaparecida.

Diego Rodríguez, membro correspondente da Real Academia Galega e responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié, leva máis de dúas décadas investigando este legado manuscrito vinculado á figura de Murguía e ao universo literario e cultural creado arredor de Rosalía de Castro.