martes. 16.04.2024
No día do centenario do seu nacemento

Mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia ao redor de María Casares

Na recta final desta celebración, a Cidade da Cultura súmase a este recoñecemento cunha mostra bibliográfica para achegar ao público o percorrido vital desta destacada figura da cultura galega. A exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de xaneiro, está composta por fondos propios da institución, cun total de 29 libros e oito revistas ás que acompañan material audiovisual como DVD ou discos.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presenta a nova exposición da Cidade da Cultura sobre a figura da actriz.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presenta a nova exposición da Cidade da Cultura sobre a figura da actriz.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá na Biblioteca de Galicia a exposición María Casares: a conquista da existencia, coincidindo co día no que se cumpren 100 anos do nacemento da recoñecida actriz á que a Xunta leva rendendo homenaxe ao longo deste 2022 por mor desta efeméride.

Na recta final desta celebración, a Cidade da Cultura súmase a este recoñecemento cunha mostra bibliográfica para achegar ao público o percorrido vital desta destacada figura da cultura galega. A exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de xaneiro, está composta por fondos propios da institución, cun total de 29 libros e oito revistas ás que acompañan material audiovisual como DVD ou discos.

‘María Casares: a conquista da existencia’ reúne unha trintena de libros, ademais de revistas, vídeos e discos que fan un percorrido pola vida da artista

Durante o acto de inauguración, o conselleiro de Cultura destacou que o amplo programa impulsado pola Xunta de Galicia para homenaxear os 100 anos do nacemento de María Casares “permite demostrar a importancia e a vixencia da súa figura para a historia da cultura galega”. Neste senso, engadiu non podía faltar “o gran labor de recuperación documental da Biblioteca de Galicia dentro dos seus fondos propios para ilustrar a pegada de María Casares, que se espalla en distintos xéneros e formatos”.

Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, convidou ao público a gozar da programación do centenario de María Casares en xeral, e en concreto desta mostra que supón “unha oportunidade para que os visitantes descubran de primeira man o moito que se contou e escribiu ao redor da figura da artista”.

A proposta conta con dous recursos na web da biblioteca que permiten afondar de maneira máis exhaustiva na bibliografía sobre a súa figura e deterse cronoloxicamente nos principais acontecementos da súa existencia

A proposta compleméntase con dous recursos dixitais accesibles na web da Biblioteca de Galicia, e postos en marcha polas comisarias, Patricia Babío e Carina Fernández. Trátase, por unha banda, dunha bibliografía exhaustiva para completar a selección realizada para a exposición física, onde se recolle case todo o escrito sobre María Casares ou aquilo no que ela participou. Por outro lado, pódese consultar unha liña temporal da vida da actriz, a través da que é posible navegar cronoloxicamente polos principais acontecementos da súa existencia, ilustrados con fotografías, vídeos, ou audios nos que ela é a protagonista ou nos que falan dela.

CENTENARIO

A programación levada a cabo pola Xunta durante todo o ano de conmemoración do centenario do nacemento de María Casares inclúe máis dunha ducia de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais. A mostra da Biblioteca de Galicia únese á que acolle a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña ata o 21 de decembro.

Ademais, hoxe estréase na Coruña, co apoio da Xunta de Galicia, o documental María Casares: a muller que viviu mil vidas, da produtora Agallas Films e dirixido por Xabier Villaverde. Na mesma cidade, mañá culmina no Museo de Belas Artes o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario.

MARÍA CASARES

María Casares (A Coruña,1922-Alloue, 1996) foi un referente como actriz e como muller. Chegou ao máis alto na súa carreira profesional, pero tamén creou unha fonda estela co seu paso pola vida. Foi unha nena feliz na súa Coruña natal, filla dun home que chegou a presidente do Goberno republicano. Contou con todos os recursos nesa primeira etapa da vida, pero perdeu todo ese favor da fortuna aos 14 anos, cando estoupa a Guerra Civil e ten que exiliarse a Francia, onde tamén se atopará con outra guerra.

É nese momento onde se revela o seu carácter, personalidade e talento non só para sobrevivir, tamén para triunfar sobre os infortunios. Aos 19 anos xa é unha gran actriz de teatro e máis tarde de cine. Converterase na musa do existencialismo francés e o público e a crítica renderanlle todos os honores. O seu compromiso cos seus ideais republicanos, coa liberdade, coa solidariedade, coa vida en xeral, fará dela unha muller imporante na historia da cultura galega.

Mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia ao redor de María Casares
Comentarios