jueves. 02.05.2024

"Ribeiro da Costa busca aventuras e discursos que exemplifiquen a súa filosofía de vida"

Este especialista en libros didácticos e infantoxuvenís, que conforman boa parte da súa produción, preséntanos un novo volume que recolle un mangado de relatos curtos protagonizados por un mesmo personaxe, Hélder, que asome sempre o papel de narrador e, en moitas ocasións, tamén o de protagonista da acción narrada.
Ribeiro

O veterano escritor portugués José Ribeiro da Costa, que conta xa cunha importante colleita literaria, tirou recentemente do prelo un libro heteroxéneo destinado a un público infantil e xuvenil, titulado Contos e poemas. Este especialista en libros didácticos e infantoxuvenís, que conforman boa parte da súa produción, preséntanos un novo volume que recolle un mangado de relatos curtos protagonizados por un mesmo personaxe, Hélder, que asome sempre o papel de narrador e, en moitas ocasións, tamén o de protagonista da acción narrada. Este protagonismo unitario debe considerarse un recurso unificador, un fío que ganduxa todos os relatos para xustificar a súa reunión nun libro, e que, en realidade, son independentes uns dos outros, pois o autor busca aventuras e discursos que exemplifiquen a súa filosofía de vida aplicada a múltiples conceptos, como ensino, aproveitamento escolar, relacións de compañeirismo, relacións familiares —sen excluír os abusos—, caridade, capacidade de superación, e un longo etcétera.

Así, comunícanos a súa idea do ensino e relación alumno-profesor no primeiro conto, pondera o fenómeno da emigración e fuga de cerebros no segundo, a importancia da educación familiar nos números 3, 4 e 5, a superación e rehabilitación no 6 e 8, salienta o futuro triste dos malos estudantes e desencamiñados… O texto está inzado de valores, que obteñen sempre unha recompensa, e defectos, que son castigados, agás nos casos de reacción positiva do afectado e correspondente rehabilitación. Así, a caridade, o egoísmo, a benevolencia, o acoso, a educación, o furto, o amor ou a responsabilidade están amplamente representados na obra. E non falta un espazo para a aventura, como a detectivesca do número 9, o rapto do 16 ou os asasinatos do 18.

O profesor e escritor, José Ribeiro da Costa, en Lisboa. ARQUIVO.
O profesor e escritor, José Ribeiro da Costa, en Lisboa. ROBERTO LEDO. ARQUIVO.

A lingua é sinxela pero culta, con concesións á expresión popular, como aquel Stor que un protagonista coloca diante do  nome Hélder, o seu profesor. Se un lector descoñece este vocábulo da xerga estudantil, os dicionarios (non sei se haberá algún que o recolla) non lle tirarán a dúbida, pois tal palabra non figura neles. Parece ser un caso curioso de amálgama, na que “senhor” achega o “s” e “doutor” o resto.

O autor do libro, fiel á súa pasada experiencia como profesor, pretende fornecer os estudantes xoves dunha lectura sinxela presidida polo seu didactismo profesional, que lles sirva por igual de entretemento e guía para a vida, sobre todo para a vida escolar na que neste momento están mergullados, facéndolles ver que o futuro depende sempre da súa responsabilidade ou irresponsabilidade nesa etapa. Un texto facilmente comprensible para alumnos das idades correspondentes ao ensino básico e secundario.

A obra complétase cunha breve incursión na creación poética, coas mesmas premisas de sinxeleza e comprensión, o mesmo que pasa coas tres pequenas pezas dramáticas coas que pecha o volume.

"Ribeiro da Costa busca aventuras e discursos que exemplifiquen a súa filosofía de vida"
Comentarios