lunes. 29.04.2024

Este venres, 7 de xullo, terá lugar, ás 20.30 h, a inauguración da exposición pictórica “Un canto á cor, á vida” de Chuny Vázquez, unha referencia artística na comarca do Baixo Miño. Será na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez.

Nesta exposición Chuny Vázquez realiza un percorrido pola súa traxectoria artística a través de máis dunha trintena de cadros de diversas temáticas e técnicas. En palabras da propia autora “ningunha pintura fala de si mesma, gardan silencio, prefiren que sexa o público quen teña no seu poder as preguntas ou respostas ante cada unha delas, porque senten a necesidade da súa atención, da súa linguaxe e sentimentos, porque levaron moito tempo agochadas entre as penumbras ao longo do peor da pandemia e agora piden a luz de todas as miradas, para volverse a sentir vivas”.

Chuny Vázquez posúe un longo e acreditado percorrido no ámbito artístico cunha dilatada traxectoria con numerosas exposicións en salas de Galicia e diversos lugares de España, pero a súa inquedanza levouna a publicar preto dunha ducia de libros de poemas así como a unha intensa colaboración con asociacións e entidades de todo tipo no ámbito socio-cultural.

O acto de inauguración deste venres contará coa presentación do xornalista Ricardo Rodríguez e a interpretación de diversas pezas musicais pola cantautora guardesa María José Baz.

Para a concelleira Sonsoles Vicente Solla, a celebración desta exposición é unha “magnífica oportunidade para achegarse á produción de Chuny Vázquez que destaca pola calidade artística e pola calidade humana que transmite”.

Esta exposición poderase visitar até o 28 deste mes de xullo de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 h.

Mostra pictórica de Chuny Vázquez 'Un canto á cor, á vida'
Comentarios