Mos estrea a primeira Feira do Viño Rosado de Galicia cunha aposta por enoturismo, gastronomía e música en directo
O Concello de Mos dará un novo paso na promoción dos produtos vitivinícolas galegos coa celebración da primeira edición da Feira do Viño Rosado de Galicia, que terá lugar os días 13 e 14 de xuño no Pazo de Mos. A iniciativa nace coa vocación de converterse nun escaparate de referencia para os viños rosados elaborados nas distintas denominacións de orixe da comunidade.
A proposta conta coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e celebrarase coincidindo coa V Xuntanza Gastronómica BaRes Mos, organizada pola Asociación de Bares e Restaurantes de Mos, reforzando así a conexión entre enogastronomía, turismo e cultura.
Durante a fin de semana, os visitantes poderán coñecer e degustar algunhas das referencias máis destacadas do panorama vitivinícola galego da man de adegas pertencentes ás denominacións de orixe Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.
As adegas participantes nesta primeira edición serán Pazo Blanco Núñez, coa marca Quinta das Tapias (DO Monterrei); Adega Roandi, coa marca Dona Delfina e Brinde Rosado (DO Valdeorras); Bodegas Alán, coa marca Alán de Val Rosado (DO Valdeorras); Bodega Cividade, coa marca Cividade Rosado (DO Ribeira Sacra); Bodega Soutelo, coa marca Cardenal Rodrigo de Castro (DO Ribeira Sacra); Regina Viarum, coa marca Regina Viarum Rosé (DO Ribeira Sacra); Bodegas Ribada, coa marca Ribada Selección Mencía Rosado (DO Ribeira Sacra); e Condado de Sequeiras, coa marca Sueños de Martina (DO Ribeira Sacra).
Concertos entre viño e rosas
A programación completarase cunha ampla oferta musical integrada no ciclo “Concertos de Viño e Rosas”, que pretende converter a feira nun espazo de encontro para todos os públicos.
O venres 13 de xuño, a feira permanecerá aberta entre as 12.00 e as 22.00 horas e contará coas actuacións de Los Lunes al Sol ás 14.00 horas, Dani Barreiro ás 17.00 horas, Uxía Lambona ás 19.00 horas e Quinkillada ás 21.00 horas.
Xa o sábado 14 de xuño, o recinto abrirá entre as 12.00 e as 21.00 horas cun cartel formado por Os Mangarballos ás 12.00 horas, Trío Somoza ás 13.30 horas, Peter Punk ás 18.00 horas e La Duendeneta ás 19.00 horas.
Un novo atractivo para a Festa da Rosa
Desde o Concello destacan que esta nova cita nace co obxectivo de unir tradición, gastronomía, música e promoción do produto galego dentro dunha das celebracións máis emblemáticas do municipio.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “a Rosa e o Rosado comparten identidade, personalidade e vínculo coa terra”, destacando a aposta municipal por seguir ampliando e renovando a programación da Festa da Rosa sen renunciar á súa esencia tradicional.
Con esta iniciativa, Mos aspira a consolidar unha nova referencia no calendario enoturístico galego, poñendo en valor a crecente calidade dos viños rosados elaborados na comunidade e ofrecendo unha experiencia que combina cultura, lecer e promoción do territorio.