Mos celebra o Día das Letras Galegas 2025 homenaxeando a poesía popular oral e a Castelao
O Concello de Mos súmase á celebración do Día das Letras Galegas 2025, dedicado pola Real Academia Galega á poesía popular oral representada por destacadas cantareiras. Para renderlles tributo, o Concello organiza unha fin de semana de actividades culturais que culminará cunha homenaxe a Castelao.
A programación comezará o sábado 17 de maio, ás 11:30 horas, no Auditorio de Torroso, co Festival A Ruada das Nosas Pandereteiras, un encontro para celebrar a tradición oral feminina. O acto central da xornada será ás 19:00 horas, co concerto do grupo de cantareiras mosenses Arume, que actuará no exterior do Pazo de Mos.
O domingo 18 de maio estará dedicado a un público máis familiar. Ás 17:00 horas, o exterior do Pazo de Mos acollerá o espectáculo de monicreques Os Contos do Lobicán. Esta proposta musical en verso, gañadora de premios como o Barriga Verde 2022 e o María Casares ao Mellor Espectáculo de Monicreques, está dirixida a nenos e nenas de 3 a 10 anos. O espectáculo, inspirado no universo de Wes Anderson, revisita contos clásicos transmitindo valores como a amizade, a cooperación e o respecto pola natureza.
Tamén o domingo 18, ás 19:30 horas, o grupo de teatro Mulleres en Igualdade de Mos presentará os seus monólogos Non me movas os marcos no Círculo Cultural Abrente, nunha actividade dirixida ao público adulto que busca promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero.
O broche final á celebración será o sábado 24 de maio, ás 12:00 horas, no Pazo de Mos, cunha actividade familiar titulada Un corazón á intemperie, que porá en valor a figura do ilustre Castelao.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e integrantes do grupo Arume presentaron hoxe esta completa programación, que busca celebrar a riqueza da cultura galega en diversas manifestacións artísticas.