martes. 21.05.2024

O MICE aborda nesta edición unha fonda mirada feminina

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego volve, un ano máis, visibilizar o traballo das realizadoras e directoras que abordan este tipo de cine especializado. Na MICE, que do 20 ao 26 de marzo inaugurará en Compostela a temporada anual de festivais galegos de cinema, poderán verse preto de 70 pezas (12 delas estreas) procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que 8 están dirixidos por mulleres. 
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego volve, un ano máis, visibilizar o traballo das realizadoras e directoras que abordan este tipo de cine especializado. Na MICE, que do 20 ao 26 de marzo inaugurará en Compostela a temporada anual de festivais galegos de cinema, poderán verse preto de 70 pezas (12 delas estreas) procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que 8 están dirixidos por mulleres. 

A presentación oficial da programación desta décimo novena edición tivo lugar este mércores, coa presenza da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a autora da imaxe e da peza de autor da 19 MICE, Sabela Souto; a concelleira responsable de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; o deputado provincial da Coruña Xosé Luis Penas Corral; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil. 

A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego agradeceu "a colaboración das institucións que a fan posible co seu soporte financeiro”. Pola súa banda, o representante da Xunta, quen puxo en valor o gran momento que está a vivir o audiovisual galego, tamén no ámbito dos festivais, destacou a “profesionalidade, a calidade dos contidos e a especialización nun cinema etnográfico, que fai que este sexa un festival único en Galicia e que outros certames o teñan imitado no conxunto de España”. Na mesma liña se manifestou o deputado provincial da Coruña, Xosé Luis Penas Corral, quen subliñou que festivais como a MICE son cruciais á hora de “poñer en valor o que somos e o que significan a nosa cultura a nosa historia” porque diso trata este cinema especializado que relata “historias comúns que trascenden o noso territorio”. 

Dorothé Schubarth e Esclavitud durante unha recolla na Agrela, Parada (Ordes). Foto: Arquivo de Dorothé Schubarth. Museo do Pobo Galego: Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI).
Dorothé Schubarth e Esclavitud durante unha recolla na Agrela, Parada (Ordes). Foto: Arquivo de Dorothé Schubarth. Museo do Pobo Galego: Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI).

A concelleira da Capital Cultural expresou o “orgullo de que Compostela sexa a cidade anfitrioa da MICE”, un festival que “reserva espazos para a reflexión e para o diálogo, sempre coa etnografía como eixo”. Míriam Louzao Fernández puxo en valor tamén a temática escollida para esta edición. “Nun momento de constante ruído mediático, é moi de agradecer contar con estes espazos que permitan unha perspectiva critica co poder que xoga o político, porque é importante saber de onde vimos para situarmonos no presente e poñer en valor a boa política”, apuntou.

PEZA DE AUTORA

Coa ollada do cinema etnográfico sobre o político artellando toda a programación, a peza que acompaña esta 19 MICE e a imaxe gráfica derivada dela teñen autoría feminina. A cineasta Sabela Souto é a artífice dun audiovisual que parte dun traballo previo sobre a primeira cooperativa dedicada ao textil na comarca de Verín, asentada na aldea da Pousa (Monterrei) e no que políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres. “A peza procura reflictir a importancia dunha industria textil que permitiu, en moitas familias, que as mulleres fosen un pilar fundamental tanto nos coidados como aportando capital á economía familiar”, explicou.

Outra muller será tamén a protagonista da sesión inaugural da MICE. O mércores, 20 de marzo, ás 20 horas, o Teatro Principal acollerá a estrea de 586 cantos. O proxecto, impulsado polo Festival, será unha homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza falecida en 2023 Dorothé Schubarth, e o seu labor de antropoloxía audiovisual, razón de ser da MICE. O punto de partida é o valiosísimo material de arquivo depositado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, coas gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras procedentes do traballo de campo levado a cabo en Galicia entre os anos 1979 e 1984 por Schubarth, coa colaboración de Antón Santamarina, e que foron a base do Cancioneiro Popular Galego. No musical, a posta en escena no Teatro Principal contará co traballo de Richi Casás, quen edificou a súa traxectoria artística nas gravacións que Dorothé Schubarth recolleu na casa da súa avoa Rosa. Sobre esa herdanza, o saxofonista elaborou unha novidosa proposta na que conflúen as pandeiretas, o jazz e os ritmos latinos. El, xunto a Frank Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, serán os responsables dunha actuación musical que se sincronizará en directo coa montaxe visual que realizarán para a MICE Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas novísimos que forman parte da Asociación Memoria e Cinema. 

 
 
 
 

O MICE aborda nesta edición unha fonda mirada feminina
Comentarios