sábado. 27.12.2025

Marta Cendón abre en Tui un ciclo de conferencias polo 800 aniversario da consagración da catedral

A catedrática de Historia da Arte da USC Marta Cendón abrirá o martes 30 de decembro, ás 19.30 horas, o ciclo de conferencias polo 800 aniversario da consagración da catedral de Tui cunha charla sobre o proceso construtivo do templo e o que estaba rematado en 1225.
A catedrática da USC Marta Cendón Fernández, diante da portada da catedral de Santa María de Tui, que protagonizará a conferencia inaugural do ciclo polo 800 aniversario da súa consagración.
A catedrática da USC Marta Cendón Fernández, diante da portada da catedral de Santa María de Tui, que protagonizará a conferencia inaugural do ciclo polo 800 aniversario da súa consagración.

O Concello de Tui continúa coa programación conmemorativa do 800 aniversario da consagración da catedral de Santa María cunha nova cita cultural. O vindeiro martes, 30 de decembro, ás 19.30 horas, terá lugar unha conferencia da recentemente nomeada catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández, titulada “A catedral de Tui a 30 de novembro de 1225. Qué estaba feito e que faltaba por facer?”.

A charla, organizada polo Concello ao abeiro desta efeméride, servirá ademais para abrir un ciclo mensual de conferencias que abordará distintos aspectos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio do templo tudense, achegando ao público unha visión máis ampla e divulgativa do seu valor cultural.

Nesta intervención, Marta Cendón —autora de numerosas investigacións sobre a catedral de Tui— realizará un achegamento ao proceso construtivo deste edificio emblemático, explicando as diferentes etapas da obra e ilustrando como foi evolucionando o templo ata o momento da súa consagración no ano 1225.

Unha das grandes especialistas na arte medieval galega

Natural de Tui, Marta Cendón licenciouse en 1989 con especialidade en Arte Antiga e Medieval e é doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese “Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara” (1995), dirixida polo profesor Manuel Núñez Rodríguez. Ao longo da súa traxectoria completou a súa formación en cidades como Estrasburgo, Madrid, París e Perugia, e conta con numerosos traballos recollidos en libros e artigos especializados.

Entre as súas publicacións máis destacadas figura “La catedral de Tui en época medieval”, unha obra de referencia que consolida a súa condición de máxima coñecedora do templo tudense. Cendón é, ademais, presidenta do Instituto de Estudios Tudenses e unha das maiores especialistas na arte medieval en Galicia.

Agradecemento institucional

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, agradeceu á profesora Marta Cendón a súa implicación nesta programación conmemorativa e destacou que a súa intervención ofrecerá ás persoas asistentes un coñecemento máis enriquecedor da catedral e do seu contexto histórico.

Marta Cendón abre en Tui un ciclo de conferencias polo 800 aniversario da consagración...
Comentarios