viernes. 06.12.2024

Mareas do Coñecemento no Rosal

Nesta ocasión as actividades estarán centradas na saúde a través do exercicio e dos consellos sobre alimentación, así como na historia e o patrimonio local, tanto arquitectónico como cultural, histórico, natural, musical ou etnolóxico. As clases, de balde, serán no Centro Social Polivalente previa inscrición e con prazas limitadas.
Dirixidas á poboación de máis de 50 anos do rural.
Dirixidas á poboación de máis de 50 anos do rural.

Un ano máis, as Mareas do Coñecemento da Universidade de Vigo recalarán no Rosal no seu camiño por democratizar o acceso ao saber científico, artístico e tecnolóxico entre a poboación de máis de 50 anos do rural. Unha iniciativa que chega por segundo ano consecutivo ao concello “para estender a docencia e a divulgación máis alá do campus universitario, empregando as actividades formativas para facer fronte aos retos derivados do envellecemento poboacional, potenciando e difundindo o saber científico entre as nosas e os nosos maiores”, como salienta alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O contido do programa de actividades está deseñado especificamente para O Rosal en colaboración co Concello. Nesta ocasión as actividades estarán centradas na saúde a través do exercicio e dos consellos sobre alimentación, así como na historia e o patrimonio local, tanto arquitectónico como cultural, histórico, natural, musical ou etnolóxico. As clases, de balde, serán no Centro Social Polivalente previa inscrición e con prazas limitadas.

O primeiro seminario estará enfocado no ‘Pilates sénior’, cunha pequena parte informativa sobre os exercicios terapéuticos para persoas maiores e con exercicios prácticos. A clase, dirixida por Iris Machado e Gustavo Rodríguez, profesores da Facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo, impartirase o martes 7 de maio de 16.30 a 19.30 horas e terán un aforo máximo de 20 persoas.

A segunda actividade será o seminario ‘Saúde e Benestar’, un taller de cinco horas cunha primeira sesión divulgativa o 21 de maio ás 16.30 horas sobre nutrición, exercicio e saúde e unha sesión práctica cunha ruta cardio-saudable de 3,5 horas de duración o 23 de maio ás 16.00 horas. As clases terán un máximo de 30 prazas e serán impartidas por José Luis García Soidán, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, e por Antonio Vázquez Sobrino, profesor do Programa de Maiores.

As Mareas do Coñecemento rematarán cun seminario sobre ‘Historia e patrimonio cultural do Rosal’, un ciclo de cinco horas de duración cunha primeira parte divulgativa o 28 de maio ás 16.30 horas sobre arquitectura, arte e historia rosaleira e unha segunda sesión práctica o 3o de maio ás 16.00 horas cun percorrido por sitios de interese cultural. Cun máximo de 30 prazas, os talleres serán impartidos por Elisa Pereira, profesora do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo.

As persoas interesadas en participar poderán solicitar máis información chamando ao Concello do Rosal ao teléfono 986 62 50 00 ou a través da web do Programa de Maiores da Universidade de Vigo.

Mareas do Coñecemento no Rosal
Comentarios