A libraría Couceiro de Santiago de Compostela acollerá este mércores, día 5, a partir das 19:30 horas, a presentación da novela "A muller do muro", escrita polo xornalista Manuel F. Rodríguez e que vén de publicar a editorial Bolanda. Ademais do autor, participarán no acto o escritor compostelán Suso de Toro e o editor Antonio Couto.
A trama da novela combina a cultura galega do alén coas máis recentes teorías e investigacións científicas e paracientíficas sobre determinados fenómenos inexplicables. Como o seu autor avanza, trátase dunha obra de acción á caza do máis absoluto dos misterios: o da morte e o máis alá dela. A novela, de 312 páxinas, ten como protagonista principal un xornalista, Xenebrando Río, que, unha determinada mañá, vive un feito inesperado por completo. Un feito que nin comprende nin desexa en absoluto e que, menos aínda, pode aceptar. Pero, como avanza a contraportada do libro, Río iniciará un frenético camiño sen retorno.
"A muller do muro" sae á rúa cun innovador deseño de Sebas Pazos que inclúe, entre outras solucións de esmerada calidade, unha tipografía especificamente galega creada por Marcos Dopico.

Manuel F. Rodríguez, un thriller que
combina cultura galega do alén e ciencia.
Esta é a segunda novela de Manuel F. Rodríguez. A primeira, "A viaxe á fin do mundo" editada en 2017 tamén por Bolanda, parte do roubo, en 1906 na catedral de Santiago, da cruz grega de Afonso III o Magno, que os peregrinos de media Europa adoraran durante séculos. Tras a repercusión obtida pola edición en galego, esta novela publicouna en 2023, en castelán, a editorial madrileña Evohé.
Manuel F. Rodríguez ten en Bolanda outras obras. Entre elas, a guía histórica da Compostela xacobea, "Santiago de Compostela para os peregrinos", da que se prepara unha nova edición na súa versión en español, e "La Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea" (2010), obra en 18 tomos con tres mil entradas da que foi director e autor principal. Esta enciclopedia, pendente de actualización, pode consultarse en internet, con acceso libre, como Xacopedia. Polo seu labor de investigación e divulgación do Camiño de Santiago, Rodríguez leva recibido distintos recoñecementos en Galicia e no exterior, entre eles, o prestixioso Premio Internacional Aymeric Picaud.