martes. 04.11.2025

A Real Academia Galega (RAG) celebrará a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, concello natal das emblemáticas Pandeireteiras de Mens. Este ano, a Academia dedica a festividade ás cantareiras e á poesía popular oral, personificadas nas Pandeireteiras de Mens e tamén en Adolfina e Rosa Casás (Cerceda) e Eva Castiñeira (Muxía).

O pleno solemne, que dará comezo ás 12:30 horas, contará coas alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do fundamental Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A nota musical correrá a cargo das Tanxugueiras, exemplo destacado da reinterpretación moderna da tradición. A sesión será de entrada libre ata completar a capacidade do auditorio e poderá seguirse en directo a través da web academia.gal.

O programa da RAG para este Día das Letras 2025 reivindica a figura de tantas mulleres do pobo que, como as homenaxeadas, foron creadoras e transmisoras esenciais da poesía popular oral. Tamén celebra a continuidade deste legado en novas voces como as de Aida Tarrío, Olaia e Sabela Maneiro de Tanxugueiras, que abren novos e exitosos camiños creativos para a tradición e a lingua galega.

Este acto central en Malpica será o segundo evento da RAG con motivo das Letras Galegas 2025. Anteriormente, presentouse no concello natal de Rosa e Adolfina a nova edición de Primavera das Letras, o proxecto web da Academia para o público infantil. Alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda estreou a peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira e ilustrada por Nuria Díaz. A edición dixital do texto e materiais complementarios están dispoñibles en primaveradasletras.gal. A terceira gran cita das Letras terá lugar no outono en Muxía, onde especialistas afondarán no fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral.

As Letras Galegas tamén na Rede

Ademais dos actos presenciais, a RAG celebra as Letras Galegas con intensidade no ámbito dixital, ofrecendo contidos para todas as idades. A sección específica das Letras Galegas 2025 en academia.gal inclúe a serie documental web Se canto é porque quero, que desde este luns tamén se pode ver en Agalega.gal e que será emitida na G2 o 15 de maio. A RAG tamén estreará este mes varios episodios da serie O Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos relacionados coas homenaxeadas: A Vila da Igrexa (Cerceda), Mens (Malpica de Bergantiños) e Muxía.

O servizo de publicacións da Academia presenta Por que non hei de cantar?, unha edición ao coidado do musicólogo Manuel Rico Verea que se distribuirá entre os asistentes ao pleno extraordinario e estará dispoñible para descarga na web da RAG. O volume ofrece unha aproximación didáctica á recollida da literatura popular galega e á historia dos cancioneiros, dedicando unha parte ás cantareiras homenaxeadas e outra a Dorothé Schubarth, figura clave na recompilación da tradición oral galega. A etnomusicóloga suíza, en colaboración con Antón Santamarina, catalogou as melodías e os versos de preto de 600 informantes de toda Galicia entre finais dos 70 e os 80, un traballo que Rico Verea valora como o que fixo agromar "tempos novos para a lírica e a música de tradición oral".

Tres epicentros do canto e do baile

A RAG personifica a celebración do 17 de maio nas catro Pandeireteiras de Mens falecidas hai máis de dez anos: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, formaron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que levaron a poesía popular oral por todo o mundo tras integrarse na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña nos anos 70. Todas elas eran naturais dunha parroquia e dunha comarca rica na tradición oral.

O Boletín da Real Academia Galega xa recolleu exemplos desta riqueza, como o Cancioneiro de Buño de comezos do século XX. Nos anos 80, Dorothé Schubarth tamén recompilou numerosas composicións das Vellas de Mens, sendo Rosa e Adolfina Casás Rama as informantes que máis coplas achegaron ao seu Cancioneiro Popular Galego. Aínda que non coincidiu coa época de recollida de Schubarth en Muxía, a voz de Eva Castiñeira quedou inmortalizada no disco Recolleita Vol I (1981). Xunto á súa irmá Engracia, Eva protagonizou un momento histórico ao compartir escenario con Milladoiro en 1981, sendo a primeira vez que unhas pandeireteiras actuaban nun concerto dun grupo folk.

As actividades da RAG para o Día das Letras Galegas contan co apoio do Concello de Malpica de Bergantiños, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, ademais da Deputación da Coruña para o proxecto Primavera das Letras.

Malpica de Bergantiños, epicentro do Día das Letras Galegas 2025 na homenaxe ás...
Comentarios