martes. 30.04.2024

'Os lugares da memoria' de Rafa Vilar, premio de Poesía Afundación

O xurado considerou que este libro de poemas presenta un «uso destacado, na primeira parte, da prosa poética que dialoga, despois, con textos ben versificados conseguindo unha estrutura harmónica e ben definida. Os lugares da memoria acada altas cotas de emoción e exhibe unha capacidade reflexiva facendo uso dunha dimensión metapoética ao mesmo tempo que amosa no poema a realidade do mundo».
Coa premiada, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.
Coa premiada, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.

Rafa Vilar gaña, co poemario Os lugares da memoria e baixo o lema Enheduanna, a XXI edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 34 obras inéditas. A resolución do xurado, composto por Tensi Xesteira Estévez, Jesús Castro Yáñez e Concepción Prado Baña, como representantes vogais e profesionais da escrita; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar ás 18.30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.

O xurado considerou que este libro de poemas presenta un «uso destacado, na primeira parte, da prosa poética que dialoga, despois, con textos ben versificados conseguindo unha estrutura harmónica e ben definida. Os lugares da memoria acada altas cotas de emoción e exhibe unha capacidade reflexiva facendo uso dunha dimensión metapoética ao mesmo tempo que amosa no poema a realidade do mundo».

Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación manifestou o seu convencento da necesidade de manter un premio que é xa un referente do panorama literario galego. «De feito, Ledicia Costas, galardoada na pasada edición, comentaba nunha entrevista que o Premio de Poesía Afundación é visto polas persoas profesionais da creación poética como a gran distinción deste ámbito en Galicia. Esta afirmación reafírmanos na necesidade de conmemorar estes vinte anos de Premio de Poesía Afundación da man de tantas voces querendo ser parte dun certame xa veterano e, como vemos, moi recoñecido. Así, a raíz da conmemoración do vixésimo aniversario o ano pasado, publicaremos a antoloxía do Premio de Poesía Afundación, conformada por unha escolma de poemas das vinte persoas gañadoras deste certame».

Mentres, Anxo Lorenzo destacou que a galardoada «se incorpora á ampla nómina de premiados con este galardón, e puxo en valor a permanencia e consolidación do Premio de Poesía que celebra vinte anos de historia, un dos premios máis veteranos do panorama literario galego, con ese apoio conxunto das tres entidades e institucións que o consolidamos, o Centro Pen Galicia, Afundación e a Xunta de Galicia.»

O PREMIO

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Medos Romero ou Ledicia Costas, gañadora da anterior convocatoria.

O premio, que celebra a súa décimo novena edición, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras dúas décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

'Os lugares da memoria' de Rafa Vilar, premio de Poesía Afundación
Comentarios