Laxeiro na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid

Laxeiro por Laxeiro.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia está traballando na posta en marcha dunha gran exposición sobre Laxeiro na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. Así o explicou durante a presentación do catálogo da XV Bienal Pintor Laxeiro, que tivo lugar hoxe en Lalín, coa presenza do alcalde, José Crespo.

Laxeiro por Laxeiro.

Como expresou o titular de Cultura da Xunta, esta exposición será unha das grandes apostas da Xunta dentro da programación do Ano Laxeiro, que o Goberno autonómico está a impulsar en 2022 coincidindo coa súa homenaxe no Día das Artes Galegas. “Para esta gran retrospectiva contamos coa colaboración da que é unha das máis respectadas institucións de España e un dos centros de dinamización cultural máis activos que nos ofrecerá a gran oportunidade para que Laxeiro saia de Galicia”, declarou.

A Xunta está a pechar os detalles desta gran exposición da que se poderá gozar o ano próximo, á que se sumarán diferentes actividades que forman parte da programación cultural “específica, completa e diversificada”. Román Rodríguez referiuse á importancia da colaboración institucional para poder manter o legado vivo deste artista lalinense “cun ano enteiro que nos vai permitir divulgar a súa obra fresca, transformadora, comprometida e 100% galega”.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade referiuse, ademais, a XV Bienal de Laxeiro -que se celebrou en setembro e da que hoxe se presentou o catálogo- como a primeira pedra destas celebracións, que facilitou poder gozar de ata 65 obras do artista, desde carteis ata debuxos coa súa marca persoal.