sábado. 20.04.2024

A Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos celebra o seu centenario coa xornada 100 anos de Agarimos, un evento de entretemento que reunirá o vindeiro 30 de outubro no Auditorio de Galicia un conxunto de accións e actuacións para promover o folclore, a tradición e a herdanza cultural galega co apoio da Xunta de Galicia a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na presentación desta iniciativa e animou a cidadanía a participar “nesta proposta cultural en galego que afonda nas raíces da nosa cultura con vontade de proxección ao futuro”. Así mesmo, recordou “a importancia das agrupacións folclóricas, e nomeadamente de Cantigas e Agarimos para o achegamento á cultura galega da sociedade galega en xeral e da mocidade en particular, tanto no pasado como na actualidade”.

Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o resto de autoridades tamén participaron nesta presentación Amparo Pérez Díaz, vicepresidenta da asociación Cantigas e Agarimos, e Brais Esperante, xestor do evento.

COMPROMISO

Desde os seus inicios, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos desempeña un rol fundamental na transmisión e conservación da cultura tradicional galega. Agora celebrarase este século de compromiso cunha xornada no Auditorio de Galicia que busca render homenaxe á agrupación instrumental, de coro, de baile e de pandeireta composta na actualidade por máis de 80 persoas.

A cita será no Auditorio de Galicia o vindeiro 30 de outubro ás 16,30 horas da tarde e incluirá un obradoiro de baile e outro de pandeireta, unha charla sobre o traxe tradicional galego e as actuacións do coro e instrumental de Cantigas e Agarimos, OCT Ultreia e as pandeireteiras de Brincadeira. Os asistentes á xornada poderán gozar tamén dunha exposición fotográfica sobre a agrupación ou presenciar a creación en vivo dun mural conmemorativo. As entradas serán de balde e xa se poden reservar, ata o venres 29 ás 12,30 h, no web de Entradium ou desde as ligazóns habilitadas nas redes sociais do evento.

PROXECTOS

Este fondo, que impulsou un milleiro de proxectos durante a pandemia, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Xunta puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que se apoiaba economicamente ao sector cultural.

La centenaria Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos