domingo. 28.04.2024

A 'Intelixencia Artificial verde' permite que calquera investigador cun ordenador convencional poida realizar investigacións punteiras sen un custo elevado

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar un ciclo de conferencias titulado “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”. As charlas teñen lugar de 17.00 ás 20.30 horas, e tamén poden seguirse por streaming previa inscrición.
Verónica Bolón, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña.
Verónica Bolón, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar un ciclo de conferencias titulado “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”. As charlas teñen lugar de 17.00 ás 20.30 horas, e tamén poden seguirse por streaming previa inscrición.

A derradeira destas charlas será mañá xoves, 26 de outubro, no Kiosko Alfonso da Coruña. Centrarase na Intelixencia Artificial fiable e sostible. Á presentación da mesma asistirán o tesoureiro da RAGC, José Ramón Cancelo; a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña, Nereida Canosa; e o coordinador do ciclo, o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago -CiTIUS-.

IA PODE RESOLVER PROBLEMAS DERIVADOS DO CAMBIO CLIMÁTICO

A xornada comezará coa intervención de Verónica Bolón, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña. Abordará a Intelixencia Artificial verde, cara a un futuro sostible. Nesta liña, indica que “nun mundo onde a sostibilidade se converteu nunha prioridade global, a integración da IA na nosa busca dun futuro máis verde e sostible é unha evolución crucial”. Na súa intervención explorará o poder transformador da Intelixencia Artificial ​​no contexto da sostibilidade medioambiental e como esta combinación pode cambiar a forma na que abordamos os desafíos ecolóxicos.

Apunta que o termo “IA verde” ten unha dobre vertente. “Por unha lado, refírese á aplicación de técnicas de IA para tentar resolver problemas derivados do cambio climático, como podería ser a optimización do consumo enerxético. Por outro lado, refírese ao desenvolvemento de algoritmos que son máis inclusivos e respectuosos co medio, non só ao producir resultados novidosos sen aumentar o custo computacional, senón tamén ao garantir que calquera investigador cun ordenador convencional teña a oportunidade de realizar investigacións punteiras sen a necesidade de usar servidores na nube cun elevado custo económico e computacional”.

Bolón sinala que “a investigación típica en Intelixencia artificial -ás veces denominada IA​​vermella- ten como obxectivo obter resultados de última xeración a costa de utilizar unha potencia computacional masiva, xeralmente mediante o uso dunha enorme cantidade de datos de adestramento e numerosos experimentos”. Así, explica por que o consumo de enerxía dalgúns algoritmos de IA é unha preocupación lexítima. “Os modelos de IA máis grandes e potentes, como as redes neuronais profundas, requiren unha cantidade substancial de enerxía para adestrar e operar. Isto non só ten implicacións de custos, senón que tamén pode contribuír a un aumento das emisións de carbono e ao esgotamento dos recursos enerxéticos finitos” -manifesta-.

A experta achegará ademais as estratexias clave e os avances na procura da "IA verde". Isto inclúe -segundo indica- o desenvolvemento de algoritmos máis eficientes enerxeticamente, a optimización de hardware especializado para tarefas de IA e a adopción de fontes de enerxía renovables para alimentar os centros de datos que executan estes algoritmos.

IA E A PROTECCIÓN DE DATOS

Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Agencia Española de Protección de Datos.
Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Agencia Española de Protección de Datos.

De seguido participará Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Agencia Española de Protección de Datos e líder do Compoñente de Protección Datos no proxecto EU4DigitalUA en Ucraína, no que se traballa en temas como a transformación dixital, a ciberseguridade, a protección de datos ou o desenvolvemento da banda ancha no país. Explicará a IA desde a perspectiva da regulación da protección de datos.

Sinala que “el Reglamento General de Protección de Datos (RGPD) supuso una evolución en cuanto a que el ámbito de aplicación se desplazó de ficheros o datos personales a los tratamientos, adecuándose así a los modernos sistemas de gestión de las organizaciones”. Explica que “no tiene como ámbito material los sistemas, tecnologías o infraestructuras técnicas, en particular, los sistemas de Inteligencia Artificial. Con todo, sistemas de IA, entre otras tecnologías, son medios para implementar tratamientos”.

A REGULACIÓN AUTONÓMICA DA IA

Para concluír, intervirá Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que abordará a regulación autonómica da IA. Sinala que “desde Galicia apostamos desde o primeiro momento por convertérmonos nunha rexión de referencia en IA. Fomos unha das tres primeiras comunidades autónomas en aprobar unha estratexia propia de Intelixencia Artificial e a primeira en elaborar un estudo sobre as necesidades éticas e normativas para a IA, co apoio das universidades a través do Nodo galicIA”. Ademais, destaca que “traballamos para preparar ás nosas institucións, ás nosas empresas e á nosa cidadanía para aproveitar a Intelixencia Artificial. E temos avanzado nun Proxecto de Lei en Intelixencia Artificial para acadar unha regulación única que permita un uso eficaz, eficiente, ético e seguro da IA na Administración Xeral e do sector público autonómico, aliñada co marco europeo”. Cerviño manifesta que a futura lei contribuirá a “aumentar a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado a Galicia”.  

Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos que participan neste encontro.

A 'Intelixencia Artificial verde' permite que calquera investigador cun ordenador...
Comentarios