miércoles. 01.05.2024

Os personaxes da lírica medieval, trobadores e xograres, nunha web coa posibilidade de visualizar graficamente as relacións entre eles

Este portal deriva dun proxecto concedido pola Xunta de Galicia e dedicado esencialmente ás tenzóns e aos seus autores. “A tenzón é un tipo de cantiga dialogada entre dous autores. Eran cancións que servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que, entre as tenzóns que se conservan, encontramos diálogos xocosos e debates con finalidade claramente lúdica; os diálogos de asunto amoroso son menos frecuentes, aínda que existen exemplos significativos. En xeral, son pezas líricas moi valiosas desde múltiples puntos de vista; entre outros motivos porque, ao seren diálogos, permítennos coñecer contactos entre compositores distintos de maneira fiable, máis alá de favorecer a súa localización nunhas coordenadas cronolóxicas e xeográficas comúns.
Deborah González.
Deborah González.

A doutora Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago -grupo de referencia internacional para os estudos vencellados co patrimonio literario e cultural da Idade Media-, dirixiu a creación dun portal web centrado nas redes socioculturais da lírica galego-portuguesa (https://redesliricas.usc.gal/). Neste portal ofrécese información literaria, histórica e biográfica sobre os trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar graficamente as conexións entre eles. A finalidade é amosar as relacións socioculturais e literarias que se establecían na época, o que contribúe a ampliar o coñecemento sobre os autores e as circunstancias de creación e recepción das súas cantigas. O resultado tamén permite ilustrar a vitalidade das cortes literarias onde se propiciou o canto trobadoresco, proporcionando ademais unha ferramenta moi útil para o campo investigador.

© Tania Martins_ilustracion
© TANIA MATÍNS

Estas cancións tamén son relevantes para comprobar quen debate con quen, sobre que temas e en que circunstancias” -explica Déborah González-. Ademais, a investigadora está a avanzar nunha edición crítica anotada destes textos.

O aspecto máis novidoso desta iniciativa é que as redes están representadas graficamente. Os usuarios poden navegar a través dos nomes dos trobadores e xograres de maneira cómoda e dinámica. Así, pode consultarse unha representación xeral da rede social e, no seu interior, seleccionar un trobador ou xograr determinado para ter información máis concreta. Neste sentido, pode consultarse a rede social dun autor e ter acceso aberto a datos completos de tipo histórico, biográfico e literario.

A maior parte ten unha orixe galega ou portuguesa, aínda que tamén participaron autores casteláns e, máis ocasionalmente, doutras procedencias. Unha radiografía sobre os seus contactos e os intercambios literarios que estableceron é fundamental para pór en valor este patrimonio.

As cantigas de escarnio e os ciclos literarios satíricos

“Non obstante, a rede social dos nosos trobadores e xograres foi moito máis complexa e existen outros textos e indicios que nos permitirán ampliar, en fases sucesivas, a investigación” -sinala a experta-. Nesta liña, na actualidade está a desenvolver un proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades con fondos UE-NextGeneration. A súa finalidade é estudar estas relacións a través das cantigas de escarnio, que permiten estimar outro tipo de diálogo e de conexións; igualmente son de interese os ciclos literarios satíricos, constituídos por textos de varios autores nos que estes satirizan un individuo (como acontece coa célebre María Pérez Balteira, protagonista dun destes ciclos) ou denuncian un acontecemento histórico determinado, polo que tamén acadan relevancia desde unha perspectiva socioliteraria.

Capturefile: E:\CapturesE\cod-10991\cod-10991_0077_t0
CaptureSN: CC000437.037701
Software: Capture One 2.9.4 for Windows
 

En definitiva, a través de diferentes categorías de relación analizadas e incorporadas ao portal progresivamente, a investigadora da Universidade de Santiago busca “avanzar nunha representación cada vez máis completa, exacta e nítida das redes socioculturais e literarias da nosa lírica medieval”.

As novas tecnoloxías, un bo aliado para dar a coñecer a nosa historia literaria

“Parecíame imperativo traballar na confección dunha ferramenta dixital -claramente innovadora no terreo dos estudos medievais galego-portugueses- que facilitase a divulgación dos resultados en acceso aberto, tendo en consideración o pulo tecnolóxico que nas últimas décadas transformou o xeito en que a sociedade le e percibe os textos, así como os procedementos e hábitos na procura de información e análise por parte dos investigadores en Humanidades” -manifesta Déborah González-. Apunta que a través desta proposta búscase unha divulgación máis aberta, amigable e accesible tanto para os especialistas en lírica medieval como para os que están en formación e tamén para un público xeral con interese na materia.

portal_web
Portal Web.

A experta salienta que “máis alá do xograr Martín Códax, probablemente o autor máis coñecido entre o gran público, sábese da existencia de algo máis de 150 autores da nosa lírica, algúns deles moi destacados pola importancia da súa obra e que deben poñerse en valor. Temos un patrimonio literario medieval do que podemos sentirnos moi orgullosos. Ademais, penso que a dificultade que poida ter a literatura medieval, por efecto da lingua e do emprego duns códigos culturais diferentes dos actuais, non significa que a sociedade galega actual non amose sensibilidade e aprecio por aspectos da súa historia literaria e cultural. Sen dúbida, o que se fai necesario é empregar formas e medios de comunicación máis accesibles a todos os públicos”.

Os personaxes da lírica medieval, trobadores e xograres, nunha web coa posibilidade de...
Comentarios