(IN)VISUAL levará a vangarda audiovisual ao CEI da Coruña cun ciclo de concertos inmersivos en maio

Las creadoras Ana Quiroga y Estela Oliva, responsables del proyecto Azabache AV, que fusiona sonido, imagen y narrativa visual en una experiencia audiovisual contemporánea._LEON CHEW.
A Deputación impulsa este novo evento cultural que reunirá a destacados artistas internacionais da creación audiovisual contemporánea durante catro sábados consecutivos.

A cidade da Coruña converterase esta primavera nun referente da cultura dixital contemporánea coa posta en marcha de (IN)VISUAL, un novo ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña que se celebrará no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), situado na Cidade das TIC.

O programa desenvolverase os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, cun total de catro concertos en formato LIVE AV que contarán coa participación de artistas de referencia internacional como MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111. As entradas xa están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla, cun sistema gratuíto mediante depósito reembolsable.

El artista digital MAOTIK, uno de los nombres destacados del ciclo (IN)VISUAL, explora la creación de entornos inmersivos mediante herramientas generativas en tiempo real.

Máis alá dun ciclo de concertos, (IN)VISUAL preséntase como un proxecto que conecta territorio, tecnoloxía e creación, ofrecendo unha experiencia inmersiva que combina son, imaxe e innovación en tempo real. A proposta sitúase no CEI, o maior plató de produción virtual de España, un espazo de 2.000 metros cadrados equipado con tecnoloxía de realidade virtual, aumentada e estendida.

O evento enmárcase no CEI Lab, unha iniciativa orientada ao impulso de proxectos dixitais e tecnolóxicos que busca fortalecer o ecosistema innovador da provincia. Neste contexto, (IN)VISUAL pretende tamén consolidar o CEI como un novo referente cultural, abrindo o espazo a linguaxes artísticas contemporáneas e a públicos vinculados á experimentación audiovisual.

Un artista interactúa con elementos sonoros en directo durante una performance audiovisual, en una propuesta que combina música, imagen y tecnología inmersiva.

Cada unha das sesións ofrecerá unha experiencia singular, desde a exploración de contornas xerativas e inmersivas de MAOTIK ata propostas que combinan son analóxico e imaxe en tempo real, como a de Marta Verde e José Venditti. O ciclo inclúe tamén proxectos que conectan tradición, folclore e tecnoloxía, como Azabache AV, ou experiencias máis introspectivas e contemplativas como a proposta de MIL111.

Ademais dos concertos, o público poderá participar en encontros cos artistas, nun formato que combina espectáculo e diálogo, reforzando o carácter experimental e reflexivo do ciclo.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña aposta por situar a cidade na vangarda da creación audiovisual contemporánea, promovendo un diálogo entre pasado industrial e futuro dixital e convertendo espazos produtivos en motores culturais de innovación.