martes. 25.06.2024

A Deputación de Pontevedra  rescata a historia esquecida do Castelo de Soutomaior nas XX Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia que terán lugar entre este martes e xoves na Sala do Tapiz do recinto histórico. O servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da institución provincial é o encargado de organizar esta iniciativa que abrangue conferencias, visitas guiadas e a exposición “A liñaxe de Soutomaior na historia. Árbores xenealóxicas iluminadas de escudos policromados”.

Os máis prestixiosos tratadistas e estudosos da liñaxe Sotomayor desvelarán entre o 21 e 23 de maio no Castelo os detalles dos personaxes desta estirpe, que supuxo unha revolución histórica, desde os puntos de vista documental, heráldico, xenealóxico e nobiliario. Deste xeito, os asistentes ás XX Xornadas de Xenealoxía, Herálidica e Nobiliaria de Galicia terán a oportunidade de afondar máis na historia do castelo e dos emblemas heráldicos dos seus antigos señores e na historia de Galicia desde o século XII ata a actualidade.

A xornada comezará o martes 21 ás 17:00 horas coa apertura institucional. A continuación, a profesora Argentina Otero pronunciará a conferencia “O Castelo de Soutomaior, recurso turístico no conxunto monumental de Galicia”. Ás 18:30 presentaranse os traballos de investigación máis actuais, recentemente publicados no Boletín Nº20 de Estudos de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia. Finalmente Suso Vilar, a partir das 19.00 horas, afondará na “Casa de Soutomaior nos documentos da Idade Media en Galicia”.

O mércores 22 de maio comezará cunha visita guiada polas dependencias do castelo, a partir das 17:00 horas. Despois, o xornalista Alfonso Fernández, investigador da historia de liñaxes próximos aos Sotomayor, impartirá a conferencia “Pegada Heráldica e Xenealóxica dos Soutomaior en espazos monumentais da provincia de Pontevedra”. A continuación, o doutor medievalista do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, afondará na “Pegada cabaleiresca na heráldica medieval galega. O caso Soutomaior”.

A última xornada, o xoves 23 de maio, comezará ás 12:00 horas na Praza do Teucro da cidade de Pontevedra, cunha visita guiada a cargo do presidente da Asociación Academia de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia, Carlos Acuña Rubio. Pola tarde, a partir das 17:00 horas no castelo de Soutomaior, Luis Valero ofrecerá a conferencia “Irrupción e influenza da heráldica no desenvolvemento de grandes liñaxes como os Soutomaior” e pechará as xornadas Carlos Acuña con “Casa e Sangue Soutomaior, dimensión e poder nos reinos de España e Portugal”.

A historia esquecida do Castelo de Soutomaior, protagonista
Comentarios