A Guarda rende homenaxe pictórica aos muíños do Folón e do Picón no Camiño Portugués
A Casa dos Alonso, na Guarda, acolle desde hai dez días a exposición “Os muíños do Picón e do Folón, a través da pintura no Camiño Portugués”, unha mostra artística que celebra a singular paisaxe etnográfica dos montes do Rosal a través da visión de máis de vinte artistas galegos e doutras partes da península.
A exposición, comisariada por Manuel Estévez, ofrece diversas interpretacións pictóricas dos máis de sesenta muíños do Folón e do Picón, un conxunto declarado Ben de Interese Cultural. A Guarda é a primeira parada desta mostra itinerante, escollida por ser o punto de entrada do Camiño Portugués pola Costa en territorio galego. A exposición poderá visitarse na Casa dos Alonso ata o vindeiro 13 de maio, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Manuel Estévez destacou que esta exposición é unha sentida “homenaxe a dúas figuras fundamentais: o inesquecible maño José Antonio Labordeta, e Nemesio Castro, o último muiñeiro do Folón, auténtica alma desta contorna”. O comisario lembrou que a idea da mostra xurdiu durante o confinamento da pandemia e que se foi materializando grazas á colaboración de artistas de diversos lugares como Aranda de Duero, Burgos, Sevilla ou Palma de Mallorca, ademais dunha ampla representación de creadores galegos como Marieta Quesada, David Quinteiro, Xulio Fontes, Amelia Palacios, Puri Palacios ou Carlos Padín.
No acto de presentación da exposición estivo presente o propio Nemesio Castro, o muiñeiro retratado nun dos cadros, que representa a conexión viva entre o territorio, a memoria e o traballo tradicional. Tamén asistiron o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, o concelleiro de Cultura, Celso Rodríguez, e varios dos artistas que participan na mostra.
Durante a súa intervención, o alcalde Roberto Carrero subliñou que “A Guarda é terra de cultura, e esta exposición encaixa á perfección co espírito do noso pobo. A través da pintura, esta mostra permite redescubrir a nosa contorna e seguir apostando por poñer en valor a riqueza etnográfica do Baixo Miño”. O rexedor convidou a veciños e visitantes a achegarse á Casa dos Alonso para "deixarse levar pola forza destas obras que celebran a nosa historia e a nosa identidade”.