Poucas formacións poden presumir de contar entre os seus responsables con dous Mestres cun currículo interpretativo tan destacado como o do Grupo de Gaitas Canavelas de Matama.
Lucía Comesaña (1983) posúe unha impresionante traxectoria académica e artística. É titulada Superior nas especialidades de instrumentos da música tradicional e popular, así como en etnomusicoloxía. Ademais, conta cun máster universitario en patrimonio musical e é titulada profesional en clarinete, instrumento do que tamén cursa estudos superiores, complementando a súa formación co estudo da zanfona.
A súa excelencia foi recoñecida con numerosos galardóns e mencións, entre os que destacan a Beca de Investigación en Folclore 2024 (CIOFF España-INAEM), o Premio Fin de Carreira en Ensinanzas Artísticas Superiores (Consellería de Cultura, Educación e Universidade - Xunta de Galicia), o Premio e Extraordinario Fin de Carreira (CSM Vigo), o Segundo Premio no V Concurso de Interpretación Musical "Ciudad de Baeza-Xaén", así como varios premios en concursos de música tradicional co cuarteto "Painho do mal tempo".
Como intérprete, cómpre salientar a súa faceta solista, na que foi acompañada por agrupacións de renome como a Orquestra de Ventos do Conservatorio Superior de Música de Vigo, a Banda de Música de Pontevedra, a Banda Municipal da Coruña, a Banda BingreCanelense de Aveiro, a Banda Sinfónica "Ciudad de Baeza" (Xaén) e diversas Bandas de Música Populares da xeografía galega.
