domingo. 13.10.2024

"Galicia é proximidade, achegamento, xuntanza e aperta", afirma Feijóo

"A responsabilidade, a disciplina e a solidariedade, explícanse mellor con esa axuda que sen dúbida nos chegou do pasado, mediante a lembranza de pais, avós e familiares desaparecidos que atravesaron momentos adversos ou de figuras do noso panteón de xigantes. Seguro que estiveron ao noso lado, e necesitamos que o sigan estando para loitar mellor contra as dificultades que se aveciñan", afirma o presidente da Xunta.
"A responsabilidade, a disciplina e a solidariedade, explícanse mellor con esa axuda que sen dúbida nos chegou do pasado, mediante a lembranza de pais, avós e familiares desaparecidos que atravesaron momentos adversos ou de figuras do noso panteón de xigantes. Seguro que estiveron ao noso lado, e necesitamos que o sigan estando para loitar mellor contra as dificultades que se aveciñan", afirma o presidente da Xunta.

Intervención do presidente da Xunta nas Medallas Castelao 2020.

Autoridades,
Señoras e señores,
Galegas e galegos.

Para un pobo de proximidades coma o noso, algunhas das medidas derivadas da loita contra a pandemia resultan especialmente difíciles. A historia do noso país é unha teima constante contra as distancias que existían entre nós, e tamén contra as distancias entre nós e as demais comunidades. Galicia é proximidade, achegamento, xuntanza e aperta.

As circunstancias obrigan a atenuar un pouco o noso impulso natural, pero ese distanciamento social aínda vixente non significa que a nosa terra deba perder a cohesión emocional. En actos coma o hoxe celebramos que esa fraternidade reafírmase arredor das persoas e valores que consideramos un patrimonio común.

“Camiñamos sobre os ombreiros dos xigantes”. Esta fermosa frase foi utilizada polo humanista italiano e gran amigo de Galicia, Umberto Eco. Con ese aforismo quérese significar que o progreso do ser humano en todas as facetas imaxinables, depende moito dos devanceiros.

A historia dos pobos é unha acumulación de experiencias que nos son legadas por eses xigantes, e que nos permiten ter unha ollada ampla sobre o presente e o futuro. Eles son coma mestres que en silencio nos imparten ensinanzas de gran valor para seguir avanzando.

Os xigantes sobre os que Galicia camiña adoitan ser mulleres e homes coma nós, sometidos moitas veces a probas moi duras. A nosa admiración cara a eles non se debe a que sempre triunfaran, a que foran invencibles ou a que derrotaran facilmente calquera desafío. Ao contrario. Sentímolos preto de nós porque son vulnerables e padecen situacións ingratas, semellantes ás que padecemos. O tempo sepáranos deles; a vida aproxímanos.

A nova Galicia que rexurde coa democracia e o autogoberno, quixo situar no lugar máis alto do seu panteón de xigantes a galegos como o que da nome a estas distincións que outorgamos nesta cerimonia. Alfonso Rodríguez Castelao non tivo unhas vivencias fáciles. Tócalle sufrir unha época convulsa e lamentable na que o futuro se percibe cheo de negros augurios.

Non soamente morre no exilio xeográfico, senón mesmo nun exilio da esperanza, e malia todo aquí está presidindo un acto no que volve a mostrarse o mellor da Galicia que el contribuíu a crear.

Cando non é o exilio é a emigración que cantan Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, ou a longa noite de pedra na que resisten persoeiros coma Celso Emilio Ferreiro. Esta Galicia que compartimos é froito de millóns de galegos que caeron e se ergueron de novo.

Nada seríamos hoxe, nada significariamos como pobo ou nacionalidade, se os que nos precederon noutras etapas da historia dimitiran baixo o peso das crises ou penurias. Estamos aquí porque eles decidiron que Galicia tiña que seguir camiñando.

Teño a certeza de que, dalgunha maneira inexplicable e inconsciente, o espírito deses galegos que nunca se renderon inspirou aos nosos compatriotas nos momentos máis duros da pandemia.

A responsabilidade, a disciplina e a solidariedade, explícanse mellor con esa axuda que sen dúbida nos chegou do pasado, mediante a lembranza de pais, avós e familiares desaparecidos que atravesaron momentos adversos ou de figuras do noso panteón de xigantes. Seguro que estiveron ao noso lado, e necesitamos que o sigan estando para loitar mellor contra as dificultades que se aveciñan.

Compartimos todos o desexo de que, cando no futuro se faga memoria destas alturas do século XXI, se diga que esta Galicia foi quen de transformar de novo o pesadelo en soño, igual que se fixo noutros episodios da nosa secular historia.

Nun acto festivo coma este non podemos ignorar as secuelas destes últimos meses. Moitos galegos xa non están con nós, moitos sufriron convalecencias complexas, e todos experimentaron a angustia do confinamento.

Houbo tamén unha Galicia que coidou de Galicia con agarimo e profesionalidade ilimitadas.

A autonomía no seu conxunto, a totalidade das administracións, formaron un compendio eficaz cuxo único obxectivo foi a salvagarda da saúde.

O confinamento non significou illamento. Xurdiu unha nova idea de comunidade, de país, que non precisaba a proximidade física para sentir e actuar coma un todo.

Poucas veces resultaron tan evocadoras as loubanzas de Curros Enríquez á “unión dos bos galegos”. A Galicia soñada polo poeta na que todo “une, xunta e reconchega”, esa Galicia fíxose presente e deberá facerse presente nas próximas etapas. En medio dun cúmulo de hipóteses sobre o que vai suceder nos meses vindeiros, brilla a certeza de que os acontecementos atoparán unha Galicia de fortes vencellos humanos, dotada de solidez institucional.

A nosa fortaleza condénsanse na idea de que ningún galego ou galega é alleo para outro galego ou galega. Todos formamos parte dunha rede de solidariedades que nos permite avanzar máis nas conxunturas propicias, e amortiguar mellor os golpes imprevistos.

A nosa rede non é excluínte. Nunca quixemos os galegos camiñar sós pola historia, e tampouco o queremos agora. A nosa identidade baséase na confianza en nós mesmos, e a confianza fai que non exista receo algún na nosa relación cos demais pobos.

Demos dabondo probas solidarias durante os episodios máis agudos da pandemia, e agora estamos ansiosos de reencontrarnos con todos os que queren compartir o noso. Por riba dos innumerables alicientes que atesoura a Galicia anfitrioa, agora está a seguridade.

O presidente John Fitzgerald Kennedy afirmou que “as grandes crisis producen grandes homes”. Constatámolo en Galicia coas mulleres e os homes que asumen as súas responsabilidades sabedores de que o seu país agarda o mellor que poidan dar.

De pouco valerían os grandes liderados sen as pequenas fazañas cotiás dos galegos e galegas descoñecidos pero que merecen ser recoñecidos. Permítanme as persoas e entidades distinguidas coas Medallas Castelao deste ano, que renda homenaxe ao conxunto dos galegos. Todos acreditan nestes tempos do coronavirus méritos sobrados para lucir a distinción.

Señoras e señores. Non sabemos cando nin onde a humanidade descubriu a roda, pero ningún galego ignora que a música de A Roda naceu entre nós hai máis de corenta anos. O xermolo das súas cancións está nas tabernas, eses parlamentos espontáneos espallados pola nosa xeografía. Nelas xorden cancións que se converten en himnos populares que interpretamos xuntos, e que nos fan sentir máis xuntos. Hai moitos factores de unión neste fogar de Breogán; un deles é o traballo destes excelentes músicos.

Se alguén se pregunta como foi que a Ruta Xacobea adquire esta dimensión universal que convirte a Compostela e Galicia nun dos centros de atracción cultural e espiritual máis intensos do mundo, atopará unha resposta nas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. Conservan, difunden e atenden. Atenden aos peregrinos, difunden os valores xacobeos e colaboran na conservación acaída da ruta. Son copartícipes nunha milagre que fai dos galegos o pobo hospitalario por excelencia.

Pilar Cernuda é unha xornalista importante polo que escribe e polo que non escribe. Como político, gustaríame poder ler nalgún momento os datos e claves que ela garda no seu conxelador profesional, á espera de elementos que confirmen ou complementen algunha información. Xornalista, muller, galega, minuciosa, rigorosa, Pilar Cernuda observa o que pasa nun mundo político non sempre coherente, e case nunca sinxelo. Entendo que ser galega a capacita mellor para entender a complexidade.

Hai dúas acepcións do Supermartes. Trátase do gran día das eleccións primarias nos Estados Unidos, pero sobre todo é un dos programas que máis galegos reuniron en torno á televisión. O artífice do Supermartes galego é un comunicador que fixo da empatía un selo persoal. Para os espectadores do noso país, Xosé Manuel Piñeiro é alguén da casa que nalgún momento podería atravesar a pantalla e sentarse no salón de calquera fogar galego. Fai televisión de proximidade nunha Galicia de proximidade.

Cando antes me refería a eses xigantes sobre os que camiñamos, quizais Ana Peleteiro pensou na súa avoa. Unha avoa que coñeceu todas as penalidades, que viviu na Galicia máis lóbrega e que ademais calou todas as súas desgrazas coma se fosen algo natural que se leva en silencio. Hoxe a súa neta é unha campioa admirada en todo o mundo, que pasea por todas as pistas as bandeiras dunha Galicia e dunha España moi diferentes. Hai moitas avoas así na nosa historia, e moitas biografías familiares que cambian o seu destino para acadar outro tipo de campionatos. As medallas que luce Ana Peleteiro son una consecuencia de entrenamentos agotadores, dunha fe constante no triunfo, e tamén o resultado do traballo de avoas, nais e pais como a súa.

Señoras e señores. Galicia é un corazón que non se para, unha alma compartida e un destino do que non debemos apartarnos. Nunha pasaxe da Ilíada, Homero menospreza os malos augurios e advirte que “non hai mellor profecía que loitar pola nosa patria”.

Certamente non proliferan nestes días os bos augurios sobre o futuro económico do mundo no que estamos. Sen embargo esa loita polo noso país segue estando nas nosas mans.

Dicir que os galegos cumprirán co seu deber e serán teimosos na defensa das súas demandas, non é unha profecía senón unha certeza. Unha certeza que hoxe se incrementa grazas aos premiados, grazas ás mulleres, homes e institucións e ao que representan.

Parabéns e grazas a todos.

"Galicia é proximidade, achegamento, xuntanza e aperta", afirma Feijóo