martes. 04.11.2025

 O Espazo Feiral de Tui vibrará esta noite, ás 22:00 horas, co inicio da esperada xira "G Face na casa" do artista tudense G-Face. O concerto, que inicialmente estaba programado para o pasado sábado, tivo que ser adiado debido ás condicións meteorolóxicas adversas, pero finalmente será hoxe cando G-Face ofreza ao seu público un espectáculo musical de case dúas horas.

Sobre o escenario, G-Face estará acompañado por unha banda de catro músicos, dúas coristas, un corpo de baile e un cadro de mariachis, prometendo unha noite chea de enerxía e ritmo. O artista fará cantar e bailar ao público ao son dos seus éxitos tanto en galego como en castelán, dende os seus temas máis coñecidos como "Vaivén", "Miña Rianxeira" e "Maldito Cupido", ata o seu recente lanzamento "Mi luna". A súa proposta musical abarcará unha gran variedade de estilos, incluíndo cumbia e bachata, todo iso arroupado por unha coidada produción, cun impactante deseño de luces, efectos especiais e coreografías sorprendentes.

Previamente, ás 18:00 horas, o Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela volverá ser o escenario para a actuación do alumnado do Conservatorio Profesional e Elemental e da Escola de Música de Tui. Con diversas formacións, que van dende solistas ata grupos e combos, interpretarán un repertorio moderno que promete sorprender ao público asistente.

Ademais, ás 21:00 horas, o Teatro Municipal continúa coa XV Semana de Teatro Amador, que está a colleitar unha excelente acollida dende o seu inicio o pasado martes. Esta noite será a quenda do grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe, que estreará a obra "Arraiadas". Esta peza é unha idea orixinal do propio grupo, que "peneirou" historias reais para crear unha proposta teatral que recolle anécdotas de Tui e Tomiño co "trapicheo" como denominador común. O elenco, dirixido por Areta Bolado, está composto por Amancio Muíños, Alberto Sánchez, Laura Solla, Juan Carlos López, Graciela González, Noelia Solla, Miguel Ángel Martínez, Pablo Alfaya, Pilar Álvarez, Manuel Diz e Marita Giráldez.

As entradas para a obra de teatro están á venda en tui.gal ata as 18:00 horas e tamén se poderán adquirir na billeteira do teatro mañá xoves dende as 20:00 horas, ao prezo de 2€.

G-Face inicia esta noite en Tui a súa xira "Na Casa" tras o aprazamento polo mal tempo
Comentarios