A forza expresiva de Olga Bernardo exhíbese na Casa dos Lemos de Chantada
Natural de Lobios, no corazón do Parque do Xurés e inconformista, Olga Bernardo sentiu sempre moito interese polas artes plásticas, concretamente a pintura. Chegando o ano 2018, decidiu adicar o seu tempo por completo a esta expresión plástica, participando en exposicións, colectivas ou individuais, en Galiza e Portugal, fundamentalmente. Presentando aquí e alén Miño, a través das telas, historias con forza expresiva, luz e cor, unhas obras que xa forman parte de coleccións públicas e privadas na Península.
"Homenaxe ao Arte", colectiva polos falecidos da COVID; "Decorarte" ou "Manchados de Talento", esta última na Cámara de Comercio de Granada, foron os primeiros pistoletazos de saída a este mundo creativo que sempre soñou. Logo sucedéronse "Miña Mellor Obra", "As cores da primaveira" e a participación en "Iguald'Arte". Tamén a integración da artista no Certame de Pintura en Puxedo, Lobios, e na Casa de Cultura de Melgaço, neste último espazo cultural para mergullarse cos cadros en CircolÁrtes III. O ano 2024 foi intenso con "Retrospectiva", exposición individual no Castelo dos Viscondes, Sistelo, Arcos de Valdevez, antes de integrarse en "Art In Lima" en Ponte de Lima e continuar en Arcoz´Art e a XVII Bienal de Pintura Balconadas, nos Arcos de Valdevez e Betanzos (A Coruña).
Nas terras portuguesas de Gondomar e Póvoa do Lanhoso, presentouse na colectiva "100 Artistas" e concorreu ao XXVII Certame de Pintura con mostra no Theatro Club, antes de partir a terras de Soria en España para asistir a unha mostra colectiva no Palacio Ducal de Medinaceli.
Igualmente integrouse nunha colectiva para axudar aos damnificados pola DANA, antes de "Circol'Artes VIII"; "Diversidades", "Chama Criativa", en Melgaço, Paranhos e Monção, refuxios todas elas para pintar, crear e expresar emocións, deixándose levar de forma intuitiva, libre e espontánea, a través da linguaxe da cor, do trazo e da textura.
Olga Bernardo chega agora á Ribeira Sacra, Chantada, á Casa dos Lemos co proxecto pictórico "Sinergias", un evento plástico cultural que se inaugura o día 9 e poderá ollarse ata o 31 do mesmo mes de maio, en horarios de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 e sábados de 10:00 a 14:00.