sábado. 04.05.2024
Na oitava edición da gala aRi[t]mar

Fillas de Cassandra recollerá o premio á Mellor Música do Ano 2022 en Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi[t]mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro martes 10 de outubro no Auditorio de Galicia os galardoados e galardoadas nesta oitava edición.
Fillas de Cassandra.
Fillas de Cassandra.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi[t]mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro martes 10 de outubro no Auditorio de Galicia os galardoados e galardoadas nesta oitava edición.

O representante da Xunta referiuse á importancia “de contarmos con músicas de todos os xéneros e estilos en galego, en especial con propostas que chegan e que gustan a un público mozo, como as das Fillas de Cassandra, a quen, neste sentido, ademais da calidade musical debemos agradecerlle a súa contribución á normalización lingüística”.

Na oitava edición desta cerimonia o grupo vigués Fillas de Cassandra, composto por María Pérez e Sara Faro, recollerá o Premio á Mellor música do ano 2022 en Galicia por II.LISÍSTRATA (varre vasoira), mentres que no caso de alén do Miño, o grupo portuense Retimbrar recibirá o galardón á Mellor música do ano en Portugal polo seu tema Maçãzinha, interpretado con Uxía.

Na categoría de poesía, recibirán os seus respectivos galardóns polas mellores creacións do 2022 a ourensá Arancha Nogueira, polo poema Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados”, e a barcelense María Isabel Fidalgo pola composición Se de repente perto fosse um verbo.

Ademais, os representantes da Associaçao José Afonso (AJA) e AJA-Galiza recollerán o Premio especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022 polo seu labor mantendo vivo o legado daquel que non só foi un dos maiores poetas e cantores da historia de Portugal, senón tamén un persoeiro consciente da unión entre ambos os dous pobos.

A gala, que estará conducida por Ivonete da Silva e Zakarías O´Facas, contará ademais coas actuacións en directo dos premiados na categoría musical, Fillas de Cassandra e Retimbrar. A entrada será de balde e sen necesidade de reserva previa para todas as persoas interesadas en asistir a esta cita cultural o vindeiro 10 de outubro ás 20,30 h no Auditorio de Galicia.

Lei Valentín Paz-Andrade

aRi[t]mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia. Ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais e achegármonos á súa cultura e á súa lingua, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.

Fillas de Cassandra recollerá o premio á Mellor Música do Ano 2022 en Galicia
Comentarios