viernes. 19.04.2024

O Festival Internacional de Títeres de Redondela anunciou hoxe a programación da súa 22ª edición, que se desenvolverá do 1 ao 5 de setembro e para a que conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia. Trátase dun dos nove encontros subvencionados en 2021 a través da modalidade de axudas a festivais de artes escénicas, mediante a que o Goberno autonómico recoñece un ano máis o papel da mostra redondelá na difusión e impulso do teatro de monicreques.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto aos representantes da organización e do resto das entidades colaboradoras, explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achega preto de 10.000 euros ao festival como adxudicatario da devandita liña de subvencións. Dotada con 200.000 euros, a convocatoria reforzouse este ano no marco do Plan autonómico de reactivación do sector cultural, cun aumento orzamentario do 5% respecto do investimento de 2020 e unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación dos eventos á evolución da pandemia.

Neste sentido, o responsable de Industrias Culturais subliñou que a Xunta mantén o seu compromiso cos principais festivais galegos de artes escénicas, considerados estratéxicos nas súas respectivas contornas e ámbitos artísticos, diante dun contexto sanitario que continúa a condicionar o seu desenvolvemento. “O obxectivo é contribuír á recuperación da actividade e á preservación do emprego cultural, así como volver gañar a confianza do público grazas á aplicación de todas as medidas sanitarias vixentes, sen menoscabo da calidade das programacións”, engadiu.

3.000 ACTIVIDADES

Con esta mesma finalidade, a Consellería promove este verán máis de 3000 actividades a través de moi diferentes iniciativas e circuítos nos que as artes escénicas teñen unha importante presenza, como é o caso de Cultura no Camiño, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ou Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, entre outros.

En canto á programación desta 22ª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela, Sutil incidiu na súa variedade de estilos e propostas dentro do ámbito dos monicreques. A carteleira está composta por espectáculos dunha vintena de compañías teatrais e formacións musicais, entre os que, ademais das propostas galegas, atópanse montaxes chegadas desde outros puntos de España, así como de Francia e Rusia.

O Multiúsos da Xunqueira e as rúas redondelás converteranse durante cinco días no escenario dunhas corenta citas culturais, entre funcións, concertos e exposicións, como 35 anos de Títeres Cachirulo ou a instalación Retablos mecánicos.

Festival de Títeres de Redondela