O Festival de Cans galardoado co Premio Antonio Palacios á Cultura no Porriño

Festival de Cans, O Porriño.
O Concello do Porriño anuncia o Festival de Cans como gañador do Premio Antonio Palacios á Cultura na súa segunda edición. Este recoñecemento destaca o singular evento por ser un epicentro do cinema galego e da vangarda cultural, dinamizando o rural e proxectándoo internacionalmente.

O Concello do Porriño vén de anunciar o primeiro dos cinco recoñecementos que serán entregados este sábado na II edición dos Premios Antonio Palacios. Trátase do Premio á Cultura, que nesta ocasión será outorgado ao Festival de Cans, un evento singular que, ano tras ano, transforma a parroquia porriñesa no epicentro do cinema galego e da vangarda cultural.

O Premio Antonio Palacios á Cultura recoñece a aquelas persoas e entidades que, coa súa creatividade e paixón, manteñen vivas as tradicións culturais ao tempo que fomentan a innovación artística. Este galardón honra o traballo de quen, desde escritores e músicos ata artistas visuais e docentes, unen comunidades e transcenden fronteiras. Na súa primeira edición, o premio foi concedido ao histórico Almanaque Agrícola ZZ, en recoñecemento ao seu valor simbólico, editorial e cultural na memoria colectiva galega.

Nesta segunda edición, o recoñecemento para o Festival de Cans subliña a súa condición de iniciativa cultural única e profundamente enraizada na identidade local, que combina vangarda, participación veciñal e creatividade.

"O Festival de Cans non só é cine: é memoria, é orgullo de pertenza e é unha mostra de como a cultura pode dinamizar o rural e proxectalo internacionalmente", subliñou o alcalde, Alejandro Lorenzo. Engadiu ademais que "é de xustiza poñer en valor o seu impacto sostido no tecido social, artístico e económico do noso concello. Cans representa un modelo exemplar de cultura participativa, feita dende o local pero con capacidade para emocionar e conectar a nivel global".

Con máis de dúas décadas de traxectoria —a súa primeira edición celebrouse no ano 2004—, o Festival de Cans consolidouse como unha cita imprescindible no calendario cultural galego. Destaca pola súa capacidade de mesturar talento emerxente, humor, emoción e compromiso coa contorna. A súa evolución constante e a implicación da veciñanza fano un modelo único de xestión cultural.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, destacou que o Festival de Cans "é moito máis ca unha cita cinematográfica: é un referente indispensable na nosa axenda cultural e un motor de dinamización para o Porriño".

O acto de entrega da II edición dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado nunha gala especial que reunirá a diversas personalidades do mundo da cultura, da empresa, do deporte e da sociedade civil, así como representantes da comunidade local. O Concello do Porriño continuará nos vindeiros días desvelando o nome dos restantes galardoados, reafirmando o seu compromiso coa posta en valor do talento, a identidade e o orgullo porriñés.