O Festival de Cans, que celebrará a súa vixésimo segunda edición no Porriño entre os días 20 e 24 de maio, consolídase como unha referencia nacional no panorama dos festivais cinematográficos, sendo un motor clave para a promoción cultural e turística das Rías Baixas. Así o remarcou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, durante a presentación do certame, subliñando o impacto positivo que este e outros festivais audiovisuais patrocinados polo organismo provincial teñen nunha oferta de calidade e descentralizada.
"É un festival que vai no espírito que estamos a promover desde a Deputación: Un paraíso natural ligado á cultura os 365 días do ano e coa que queremos chegar a todos os recunchos da provincia", afirmou Luis López, quen estivo acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, e o deputado e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
Unha vez máis, Cans converterá á localidade do Porriño nun punto de encontro para os mellores creadores e profesionais do sector audiovisual, tanto a nivel galego como estatal, así como para os amantes da sétima arte. Durante cinco días intensos, o público poderá desfrutar dunha programación variada que inclúe proxeccións de curtametraxes, videoclips e documentais de alta calidade, encontros con profesionais do sector, emocionantes entregas de premios e vibrantes actuacións de música en directo. Todo isto nunha contorna tradicional e natural do interior da provincia, cunha longa e recoñecida traxectoria cinematográfica.
O presidente provincial destacou o papel fundamental do Festival de Cans para consolidar as Rías Baixas como un destino turístico atractivo e xusto: "Somos unha potencia natural e na atención ao visitante, e grazas a festivais coma o de Cans somos unha provincia moito máis atractiva, moito máis forte e moito máis xusta".
O Festival de Cans forma parte da marca Rías Baixas Film Fest, que agrupa os principais festivais audiovisuais da provincia e conta cun apoio económico da Deputación que ascende a 170.000 euros, dos cales máis de 33.500 corresponden especificamente ao certame do Porriño. Este respaldo responde á aposta do organismo provincial por posicionar as Rías Baixas como un destino turístico ligado á cultura, onde o sector audiovisual xoga un papel crucial para dar a coñecer a provincia a nivel internacional, proxectar o talento local e atraer rodaxes.
Ademais do seu impacto turístico, a Deputación subliña a importancia de apoiar festivais como o de Cans para achegar programación cultural de calidade a toda a veciñanza, vivan onde vivan. Esta estratexia de descentralización cultural refórzase con iniciativas como a celebración dos Premios Mestre Mateo en Lalín, o circuíto provincial de artes escénicas +Escénicas e o apoio a outros festivais de cinema.
"Convido a todo o mundo a que veña a Cans. Se proban, van repetir e non o esquecerán nunca", concluíu o presidente Luis López, agradecendo o traballo do equipo que fai posible o festival e reiterando o compromiso da Deputación co sector audiovisual.
            
              