O Festival Abrente Folk de Mos homenaxea ás pioneiras gaiteiras que romperon barreiras

As 15 primeiras gaiteiras de Mos, homenaxeadas no VII Festival Abrente Folk, un momento histórico que celebra a súa valentía e legado na música tradicional galega.
O VII Festival Abrente Folk de Mos celebrou unha emotiva homenaxe ás primeiras gaiteiras do Concello, mulleres que, desde 1976, desafiaron as barreiras e dignificaron a música tradicional galega. Este recoñecemento visibiliza a súa crucial contribución á cultura.

O Auditorio do Centro Dotacional de Torroso acolleu na tarde de onte unha xornada inesquecible coa celebración da VII edición do Festival Abrente Folk. Nesta ocasión, o evento estivo marcado por unha emotiva e merecida homenaxe ás primeiras gaiteiras do Concello de Mos, mulleres pioneiras que romperon barreiras nun tempo no que tocar a gaita era, maioritariamente, territorio masculino.

Organizado polo Círculo Cultural Abrente, en colaboración co Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Torroso, o festival encheu o auditorio e os corazóns das persoas asistentes cun acto de recoñecemento á forza, valentía e legado destas mulleres que abriron camiño.

Por primeira vez na historia, estas 15 mulleres gaiteiras –que comezaron a tocar entre os anos 1976 e 1984– subiron xuntas a un escenario para compartir a súa música co público. Foi un momento cheo de emoción e orgullo que puxo en pé ao auditorio e fixo visible a importancia da súa labor na transmisión e dignificación da nosa cultura tradicional.

As homenaxeadas foron:

  • María Teresa Álvarez Alonso
  • Consuelo Alonso Alonso
  • María Belén Campo Cabaleiro
  • María Mercedes Lago Barciela
  • María del Carmen Pascual Lago
  • Pilar Campo Areal
  • Rocío Lago Fernández
  • Alicia Loureiro Insua
  • Pilar Alonso Lorenzo
  • Concepción Pampillón Campo
  • Guadalupe Fontaneda Montes
  • Charo Barciela Castro
  • Pastora Pichel Bugarín
  • Alicia Campos Lorenzo
  • Rocío Alonso Pérez

O acto destacou tamén polo seu carácter simbólico: reivindicar o papel silenciado das mulleres na tradición musical galega, recoñecendo a súa contribución fundamental á transmisión oral e á supervivencia da nosa identidade cultural.

O programa musical do festival completouse con actuacións do Grupo de baile Ruada, das Pandereteiras Flores Mareliñas, do grupo de baile Penediños, da banda de gaitas Veira do Río, do grupo de gaitas Son do Abrente e do Coro Galego do Abrente.

Desde o Círculo Cultural Abrente, organizador do evento, destacan que esta edición foi un acto de xustiza histórica, un recoñecemento ás que abriron portas e deixaron unha pegada fonda na nosa música tradicional. "Sen elas, a gaita galega non soaría hoxe con tanta liberdade nin con tanta alma feminina", apuntan.