jueves. 28.03.2024

O Fenómeno Xacobeo nos últimos 70 anos a través dos seus documentos

A través de máis de 45 pezas dos fondos custodiados no Gaiás, desde libros, folletos e periódicos ata calendarios e vídeos, a mostra bibliográfica permite ao visitante achegarse a un acontecemento determinante nas últimas décadas da historia económica, social e cultural de Galicia, desde a perspectiva da documentación impresa e visual
Inauguracion da exposicion “Ano Santo: o rexurdimento dun camino para todos e todas” no vestibulo da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.
Inauguracion da exposicion “Ano Santo: o rexurdimento dun camino para todos e todas” no vestibulo da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.

A Xunta inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición Ano Santo: o rexurdimento dun Camiño para todos e todas, que percorre a evolución do fenómeno xacobeo desde 1954 ata a actualidade.  A través de máis de 45 pezas dos fondos custodiados no Gaiás, desde libros, folletos e periódicos ata calendarios e vídeos, a mostra bibliográfica permite ao visitante achegarse a un acontecemento determinante nas últimas décadas da historia económica, social e cultural de Galicia, desde a perspectiva da documentación impresa e visual.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou na inauguración a singularidade desta retrospectiva bibliográfica “pola oportunidade que nos dá, nun ano cunha ampla programación ao respecto,  de visualizar o fenómeno xacobeo desde outra perspectiva, a da documentación que se xera ao seu arredor tanto no ámbito da organización e promoción como no eido da creación persoal inspirada no Camiño”.

O director xeral de Cultura estivo acompañado no acto pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e polo comisario da mostra e técnico da Biblioteca de Galicia, Fernando Recamán, entre outras autoridades.

DO ESPIRITUAL AO TURÍSTICO

A mostra, que pode visitarse no vestíbulo da Biblioteca na Cidade da Cultura ata novembro, segue unha ordenación cronolóxica que comeza no 1954, cando o Ano Santo aínda era esencialmente unha manifestación de espiritualidade católica, sendo a seguinte parada a produción bibliográfica de 1965, onde xa destaca a grande implicación das administracións públicas na promoción do Camiño como evento turístico. Distínguense neste período as figuras do cardeal Quiroga Palacios por un lado e de Manuel Fraga Iribarne, naquel momento ministro de Información e Turismo, por outro.  

Os xornais, libros e folletos das coleccións da Biblioteca serven de vehículo para recordar os anos xacobeos de 1971 e 1976, caracterizados por unha relativa calma, e o de 1982, protagonizado polo impacto da visita do Papa Xoán Pablo II, a única ata o momento dun Pontífice a Santiago nun Ano Santo.  

Respecto dos xubileos posteriores, con especial notoriedade do celebrado no 93,  búscase amosar a progresiva dimensión internacional acadada polo Camiño, unha internacionalización na que o Xacobeo, sen prescindir da dimensión turística promovida pola actuación institucional, vén de alcanzar unha dimensión espiritual que non se cingue a unha crenza relixiosa determinada.

Entre a documentación atópase o número do ano 1954 da revista Atlántida dedicado ao Ano Santo, con ilustracións de Lugrís, ou unha carta pastoral do cardeal Quiroga Palacios dese mesmo ano. Tamén se expón o pregón pronunciado no 82 por Camilo José Cela ou publicacións do Xacobeo 93 onde se popularizou a mascota do Pelegrín. Os materiais amosan, ademais, exemplos da produción literaria e fílmica ao redor do Camiño, con algúns best seller e películas de éxito, e as programacións de tipo lúdico que empezaron a potenciar os grandes concertos.

O Fenómeno Xacobeo nos últimos 70 anos a través dos seus documentos
Comentarios