jueves. 28.03.2024

'Dog-Apartment» faise co Gran Premio Imaxinaria

Dog-apartment é unha curtametraxe que resultará «difícil de esquecer». Nela, e a partir dun grupo de «personaxes incribles e surrealistas» e cunha «ambientación, fotografía e técnica impecables», cóntasenos unha «historia profunda sobre un bailarín en decadencia». Así se refire o Xurado da primeira edición de «Imaxinaria. Festival Internacional de Animación Afundación» á película vencedora, a cinta Koerkorter (Dog-apartment). Dirixida polo realizador estonio Priit Tender (Tallin, 1971), foi distinguida co Gran Premio Imaxinaria.
David Fidalgo.
David Fidalgo.

Dog-apartment é unha curtametraxe que resultará «difícil de esquecer». Nela, e a partir dun grupo de «personaxes incribles e surrealistas» e cunha «ambientación, fotografía e técnica impecables», cóntasenos unha «historia profunda sobre un bailarín en decadencia». Así se refire o Xurado da primeira edición de «Imaxinaria. Festival Internacional de Animación Afundación» á película vencedora, a cinta Koerkorter (Dog-apartment). Dirixida polo realizador estonio Priit Tender (Tallin, 1971), foi distinguida co Gran Premio Imaxinaria.

PRIIT TENDER vertical
Prit Tender

O palmarés de «Imaxinaria» cómpletano a directora portuguesa Laura Gonçalves, que mereceu o Premio do Xurado por O homem do lixo; e o barcelonés Genís Rigol, que obtivo o galardón que distingue á mellor película galega ou española participante, o Premio Territorio, por El correu xunto a súa camarada. Ademais, preto dun milleiro de nenas e nenos que participaron no Festival na Sede de Afundación na Coruña decidiron cos seus votos que o Premio do Público Infantil sería para a curta francesa Boom, a única en 3D dos galardoados en «Imaxinaria».

O outro premio elixido polos asistentes a «Imaxinaria», o Premio do Público, fica en Galicia: foi para Sandwich Cat, a curtametraxe do realizador lucense David Fidalgo Omil na que cando un extraterrestre intercambia a súa mente coa dun gato, o estupefacto dono do felino ten que se enfrontar a reflexións sobre a humanidade.

A primeira edición de «Imaxinaria» finalizou na tarde deste domingo tras 5 días de proxeccións, encontros e aprendizaxes entre profesionais e o público do cine de animación. Na sede de Afundación na Coruña proxectáronse esta semana 47 películas a competición chegadas de 21 países e outras 5 longametraxes de animación. Houbo ademais coloquios, presentacións de proxectos ou clases maxistrais de realizadores de gran recoñecemento internacional como o holandés Michaël Dudok de Wit ou a española Isabel Herguera, quen tamén foi distinguida co Premio Activismo na Animación, de carácter honorífico. Herguera foi, ademais, membro do Xurado do Festival xunto ao produtor e director portugués de cine de animación Nuno Beato e o animador, guionista, director e académico das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España Khris Cembe.

Para un Festival que ten entre os seus obxectivos o de promover a creación de público para o cine de animación, a infancia é fundamental. De aí que preto dun milleiro de nenos participasen no certame. Asistiron tanto ás proxeccións familiares como a actividades como un obradoiro de creación de películas con siluetas de papel. Outros 600 escolares pasaron tamén por «Imaxinaria» xunto aos seus compañeiros de colexio durante as mañás do xoves e o venres.

O Festival de Animación organizado por Afundación da man do ilustrador e director de cine galego Alberto Vázquez e a xestora cultural Matilde Rodríguez tamén naceu co fin de fomentar a visibilidade das producións galegas de animación, xerar o espazo de encontro anual do sector na comunidade autónoma e dotalo de dimensión internacional.

As actividades programadas en «Imaxinaria» tamén formaron parte da iniciativa solidaria de Afundación «Cultura por alimentos» e foron gratuítas previa inscrición en Ataquilla.com. Para acceder aos eventos só era necesario entregar na entrada alimentos non perecedoiros que agora serán distribuídos polo Banco de Alimentos Rías Altas.

'Dog-Apartment» faise co Gran Premio Imaxinaria
Comentarios