sábado. 20.04.2024

A Cidade da Cultura celebra o sábado 29 de abril o Día Internacional da Danza co espectáculo Bailador, unha peza de danza galega contemporánea na que Óscar Cobos Compañía de Danza pon en escena a nove bailadoras ao son das músicas de Berrogüetto para render unha dobre homenaxe: á raíz da nosa danza tradicional e á traxectoria dun grupo que soubo reinventar a música galega.

Esta obra coreográfica reivindica o papel fundamental da muller como preservadora das formas tradicionais da nosa cultura popular e patrimonio inmaterial. Segundo explica o seu director, a peza quere ser unha “mostra de admiración e agradecemento a todas as mulleres que transmitiron a nosa danza tradicional, malia non atrevérense a levar o baile por temor ao rexeitamento nos seus círculos sociais”. Bailador entende a danza tradicional desde a contemporaneidade dos nosos días, nun relato no que a música e o baile se explican a si mesmos desde o prisma do feminino.

Producida, dirixida e coreografiada por Óscar Cobos, e con Jaime Pablo Díaz ao cargo da dirección artística, a peza reúne ás bailadoras Ruth Pérez, Nerea Fouz, Rebeca Tallón, Cristina Canosa, Marta Mosquera, Nuria Gesteira, Uxía Portela, Eva Diago e Lorena Toimil, todas cunha destacada traxectoria en diferentes agrupacións e asociacións folclóricas galegas. Xuntas daranlle forma danzada aos temas de Berrogüetto, un grupo que transformou o xeito de entender e interpretar a música galega e obtivo recoñecementos como o premio Eversteiner ao mellor grupo de folk europeo (1998), finalista ao premio Grammy Latino ao mellor disco folk (2002), ou o Premio da Crítica Galicia en recoñecemento a toda a súa carreira musical.

DANZA

Bailador é o espectáculo co que a Cidade da Cultura, coa colaboración de Turismo de Galicia, se suma á celebración do Día Internacional da Danza o vindeiro sábado 29 de abril. Celebrarase ás 20,30 horas no auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro do Gaiás, con entrada libre e de balde, ata completar a capacidade do recinto.  

ÓSCAR COBOS COMPAÑÍA DE DANZA

Bailador, mestre, director, coreógrafo, produtor e investigador, Óscar Cobos comeza a súa andaina no eido do baile popular tradicional galego na A.F. Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela no ano 1988. Impartiu clases de danza tradicional nos centros galegos de Nova York, Nova Jersey e Connecticut e na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina. Formouse como intérprete e mestre de Tango-Danza na Universidade Nacional das Artes de Buenos Aires. En Compostela foi fundador de GS21 —compañía de danza galega que renova os conceptos do baile popular galego dende unha mirada contemporánea— e de OCDANZA, o seu proxecto máis actual que traballa o baile galego dende múltiples miradas, sendo ao tempo respectuoso coa herdanza adquirida e renovador na súa posta en escena.

Día da Danza
Comentarios