A Deputación de Pontevedra puxo en valor en Sanxenxo o traballo das escritoras de literatura infantil da provincia no marco do ciclo Mulleres de Palabra(s). Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto protagonizaron unha conversa baixo o título “Escribir para as máis novas” no Auditorio Emilia Pardo Bazán. A xornalista Susana Pedreira conduciu o acto, no que a deputada provincial Sandra Bastos subliñou a importancia de “construír referentes para que as nosas nenas e mozas teñan espellos nos que mirarse”.
Bastos lembrou que o obxectivo de Mulleres de Palabra(s) é “reivindicar a palabra das escritoras conectándoas co noso tempo, escoitando a escritoras da actualidade que teñen moito que dicir”.
Este ciclo enmárcase dentro das actividades do Ateneo Provincial pola Igualdade, a través do cal a Deputación de Pontevedra investiga e promove a divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero. A deputada provincial remarcou que Mulleres de Palabra(s) pretende dirixir “as nosas miradas ás escritoras e ás palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero”. Neste contexto, recordou que o programa comezou en marzo e está a percorrer a provincia con quince escritoras actuais a través de obradoiros, recitais, lecturas e conversas.
Tras esta cita en Sanxenxo, Mulleres de Palabra(s) continuará en xuño con dous obradoiros: un en Pontevedra a cargo de Diana López Varela, e outro na Lama con Maritza Berttolini. O ciclo rematará o 13 de outubro, Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial con Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña. Anteriormente, celebráronse dous encontros: un en marzo con Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta polo Día Mundial da Poesía, e outro en abril coas novas voces da literatura da provincia Guada Guerra, Lara Dopazo e Andrea Fernández Plata.
