O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou hoxe os festivais patrocinados polo organismo provincial a través da marca Rías Baixas Fest como “a banda sonora do verán” na provincia. Seis eventos que, ademais de ser atractivos turísticos de primeira, recibirán un maior apoio por parte da Deputación, que eleva o importe do patrocinio en 50.000€, ata os 340.000€, e incorpora o Underfest Xacobeo de Vigo a unha nómina que xa contaba con Portamérica (Portas), SonRías (Bueu), Sin Sal (Redondela), Atlantic Fest (Vilagarcía) e Revenidas (Vilagarcía). “Os Rías Baixas Fest nos converten nunha referencia, nun destino vinculado á cultura, natureza, gastronomía e territorio”, afirmou o presidente no xardín do Palacete das Mendoza, onde tivo lugar a presentación, na que tamén participou a deputada de Turismo, Nava Castro.
Coa actuación musical do cociñeiro estrela Michelin Pepe Solla e Rodrigo Valiente, déronse a coñecer os detalles dunha nova edición dos Rías Baixas Fest. O calendario arranca do 3 ao 5 de xullo coa celebración do Portamérica na Azucreira de Portas. No mesmo mes, do 18 ao 20 de xullo, celebrarase na praia da Concha de Vilagarcía o Atlantic Fest, e do 25 ao 27, na Illa de San Simón, o SinSal. Do 31 de xullo ao 3 de agosto chega ao recinto das Lagoas en Bueu o SonRías, mentres que do 11 ao 14 de setembro celebrarase en Volaxoán o Revenidas. Péchase o ano coa nova incorporación dos Rías Baixas Fest, o Underfest Xacobeo, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro en distintos emprazamentos da cidade de Vigo.
A deputada Nava Castro destacou a transcendencia destas propostas para o destino turístico da provincia: “O turismo de festivais medrou na península Ibérica un 500% na última década e os datos de facturación converteron a España no primeiro destino do turismo de festivais de todo o mundo, con preto de 600 millóns de euros. Así que temos unha inmensa oportunidade para consolidarnos como un dos destinos favoritos do público”.
O presidente Luis López subliñou esta alianza entre o sector musical e a Deputación, declarando que “está a dar os seus froitos. Vós poñedes o voso talento e nós todos os mimbres”. Ademais de adiantar o incremento do 20% no orzamento deste patrocinio e a inclusión dun sexto festival, remarcou a aposta pola descentralización: “Na Deputación temos unha máxima: a descentralización. E os festivais son un claro exemplo de que a cultura hai que espallala por todas as Rías Baixas, que están conformadas por 61 concellos. Esta é unha maneira de axudar no reto demográfico”. O dirixente recoñeceu a estes festivais como un escaparate internacional e que afonda na estratexia do goberno provincial para organizar eventos culturais en todos os concellos da provincia a través de programas como o +Música ou o Culturea.
“Convidamos a todo o mundo a que nos visiten este verán e tamén fóra da época estival, porque xa sabemos o que acontece: quen vén a esta provincia, repite”, concluíu o presidente, quen agradeceu o labor dos organizadores destes festivais e reafirmou o compromiso da Deputación para seguir impulsando unha marca de recoñecido prestixio como o Rías Baixas Fest.
