Dentalnova abre as súas portas á Arte con 'Sabor a Salitre' de Paco Santomé
A clínica Dentalnova de Ourense inaugura a exposición "Sabor a Salitre" de Paco Santomé, apostando por humanizar o espazo e achegar a arte contemporánea, con plans para acoller a outros creadores como Xulio Fontes e Menchu Abril.
A clínica Dentalnova, situada na rúa Concordia, 28 baixo, en Ourense, inaugura unha nova iniciativa cultural abrindo as súas portas á creación contemporánea. O espazo acolle dende hoxe a exposición "Sabor a Salitre", unha mostra asinada polo recoñecido artista de Bueu, Paco Santomé.
Santomé, quen antes de ser coñecido pola súa faceta como político comprometido coa cultura, xa construía unha obra íntima e ligada á vangarda e á emoción directa, chega á Cidade das Burgas cunha mirada limpa e sensorial. As súas pezas reflicten unha profunda conexión coa natureza e a curiosidade que marcan o ritmo dos días.
A exposición, cunha forte carga narrativa, abre fiestras a historias, paisaxes e emocións que falan do paso do tempo e da identidade. Entre as pinturas expostas atópanse obras como "I have a dream", "O mariscal", "O concerto", "Vento na herba", "O cuco" ou "O Simeon", todas elas asinadas polo pintor do Morrazo.
Antonio Justo, director de Dentalnova, explica o propósito desta innovadora proposta: "Dentalnova aposta por humanizar o espazo e ofrecer unha experiencia diferente, onde tamén haxa lugar para a sensibilidade, a curiosidade e o encontro coa arte". Engade que "este proxecto nace do convencemento de que o benestar tamén pasa por rodearse de beleza e de cultura".
Con esta iniciativa, Dentalnova transforma o seu moderno e luminoso espazo arquitectónico nun lugar expositivo accesible, que permitirá descubrir a plástica de diferentes creadores ao longo do ano. Entre os próximos artistas que exporán na clínica atópanse o ourensán de Quintela de Leirado, Xulio Fontes, e a leonesa residente en Vigo, Menchu Abril.
Así, Dentalnova non só se posiciona como un centro de saúde dental, senón tamén como un dinamizador cultural que achega a arte á cidadanía ourensá.